O BNG abstense na votación do plan fiscal para 2015 ao non incluír bonificacións sociais
Coa aplicación dun recargo ás vivendas baleiras permitiríase recadar máis e con iso sufragar as bonificacións sociais que reclama o BNG
Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2014.- O portavoz municipal nacionalista, Rubén Cela, afirmou no Pleno extraordinario de aprobación das ordenanzas fiscais que o BNG reclama bonificacións no Imposto de Bens inmóbeis (IBI) para os sectores máis desfavorecidos, un recargo sobre os inmóbeis desocupados e maiores facilidades de pago cun sistema de fraccionamento mellor. O BNG abstívose na votación sobre o plan fiscal de 2015, que saíu adiante cos votos de PP-PSOE.
Se o obxectivo do Concello é axudar máis a quen máis o precisa, a baixada lineal do tipo impositivo do tramo municipal do IBI é unha medida que fica coxa se non vai acompañada doutras, como bonificacións máis intensas, centradas exclusivamente naqueles sectores de poboación que realmente precisan máis axuda como poden ser parados e paradas de longa duración ou persoas xubiladas con pensións mínimas, indicou.
Para demostrar que é factíbel, puxo como exemplos tres municipios do PP como Torrejón de Ardoz, que aplica até un 90% de bonificación no IBI ás familias con todos os seus membros desempregados; Motril, que rebaixa o 50% do IBI a persoas paradas de longa duración e ademais de até o 100% en función da renda; e Véjer, cun desconto do 50% para quen leve máis de 12 meses en paro.
Coa aplicación dun recargo ás vivendas baleiras permitiríase recadar máis e con iso sufragar parte das novas bonificacións de tipo social que reclama o BNG, porque introduciría certa progresividade, para que pague máis quen máis ten, a un imposto que grava a vivenda con independencia da situación socioeconómica de quen a habita e, ademais, posibilitaría unha maior dinamización do mercado da vivenda que o PP ten cifrado en máis de 8.000 as vivendas baleiras existentes na actualidade en Santiago de Compostela.
O BNG reclamou tamén un sistema de impostos á carta e recoñeceu que, se ben se avanzou no fraccionamento, non é suficiente posto que falta unha bonificación por domiciliación, que vén recollida expresamente na Lei e a posibilidade de escoller a modalidade de pagamento máis acaída para cada quen: anual, cuadrimestral ou mensual de todos os impostos, non só para o IBI.