O BNG cualifica de moi deficientes para Compostela os Orzamentos da Xunta para 2015
A prioridade do Goberno debería ser crear emprego digno, loitar contra a pobreza e manter os servizos sociais; porén van na dirección contraria
Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2014.- A deputada parlamentar Ana Pontón e o portavoz municipal do BNG, Rubén Cela, cualificaron de moi deficientes para Compostela os Orzamentos da Xunta para 2015.
En rolda de prensa no pazo de Raxoi, Ana Pontón sinalou que Feijóo teima en repetir os seus erros que son a constatación dun fracaso e os Orzamentos para 2015 non son para a recuperación económica, senón que reinciden na crise e na ruína económica deste país e no incremento de recortes sociais. Referiuse así aos datos de 22.000 persoas en risco de exclusión social, 4.000 con pobreza extrema e 7.000 desempregadas en Santiago de Compostela e esa debería ser a atención prioritaria do Goberno: loitar contra a pobreza, crear emprego de dignidade e manter os servizos sociais; porén os orzamentos van na dirección contraria.
Feijóo quere utilizar os Orzamentos da Xunta dunha maneira espuria, afirmou, porque son os orzamentos do clientelismo ás portas dunhas eleccións municipais. Puxo como exemplo o crecemento de 34 millóns de euros en Vicepresidencia onde os maiores incrementos se producen en administración local con uso discrecional de fondos públicos.
Ademais, cualificou de escándalo o crecemento do gasto en asesores, que van medrar un 2,2% que supón a demostración da falsidade deses argumentos de austeridade de Feijóo, mentres baixan as políticas de medio rural en 13 millóns de euros e descenden en sanidade 4,3 millóns de euros sobre os recortes acumulados. Referiuse tamén á diminución das partidas destinadas á política lingüística e á cultura galega. En definitiva, dixo, non hai estratexia para xerar emprego, mantéñense os recortes na política social e así Feijóo condena a Galiza a máis desigualdade e exclusión social.
Partidas testemuñais, simbólicas e irrisorias para a cidade
Para o BNG, estes orzamentos distan moito do que precisa Santiago de Compostela e amosan que o alcalde se conforma con ben pouco, afirmou Rubén Cela. Cualificou de testemuñais, simbólicas e irrisorias as partidas para a estación intermodal (60.000 euros), para a depuradora (100.000 euros) e para a variante de Aradas (600.000 euros sobre un total de 6 millóns) que indican que en 2015 tampouco se van executar estas actuacións.
Segundo explicou, estes orzamentos tampouco contemplan compromisos necesarios para a cidade como o centro de saúde de Conxo, o novo edificio da Escola Oficial de Idiomas, as obras de remate do polígono industrial da Sionlla, equipamentos como escolas infantís ou centros de maiores (só hai un compromiso dunha entidade privada como a Fundación Amancio Ortega) e desaparecen as referencias á vivenda de protección pública, tanto en rehabilitación como co apoio ao saneamento no rural. Se ben no ámbito do ensino figura unha partida para o CEIP Montes do Postes, demandada en reiteradas ocasións polo BNG, hai outros centros educativos que necesitan reformas estruturais e non parches e están ausentes nestes orzamentos.
Sobre as achegas ao Estatuto de Capitalidade e ao Consorcio, manifestou que consolidan a baixada da súa contribución económica na senda dos últimos exercicios e sobre a política turística, referiuse ao investimento de 600.000 euros en equipamentos internos da Xunta de Galiza sen saberse aínda a que se vai destinar o edificio do Xacobeo.
Avanzou Rubén Cela que o BNG presentará emendas a estes Orzamentos da Xunta que agarda que contribúan a subsanar as deficiencias atopadas.