O BNG lémbralle ao Goberno local que debe elaborar o protocolo de actuación para temporais
No Pleno de febreiro de 2013, o grupo municipal do PP comprometérase a incorporalo no Plan de Emerxencias e a difundilo entre a veciñanza, explica Rafael Vilar
Santiago de Compostela, 25 de outubro de 2014.- O BNG defenderá no vindeiro Pleno unha iniciativa destinada a incluír no Plan de Emerxencias Municipal un apartado referido aos temporais. O concelleiro Rafael Vilar lembraralle ao Goberno local do PP o compromiso adquirido no Pleno en que se aprobou este documento para incorporar este protocolo de prevención e de loita contra os posíbeis riscos de temporais.
O grupo municipal nacionalista require, ademais, que se poña especial atención na formación das persoas con responsabilidades na posta en marcha deste Plan de Emerxencias e na súa difusión á veciñanza a través de campañas de información.
Este Plan de Emerxencias Municipal (PEMU), aprobado hai máis de ano e medio e que aínda non se inclúe o preceptivo apartado de temporais, é un documento técnico que constitúe un instrumento de coordinación das actuacións relativas á protección civil e, polo tanto, á prevención e loita contra posíbeis riscos que poidan acontecer na cidade de Santiago de Compostela.
No Plan Territorial de Galiza (Platerga), en referencia á nosa cidade, enuméranse catro riscos especiais que son os incendios forestais, as inundacións, o transporte de mercadorías perigosas e os temporais; aos que atribúe un índice de risco potencial de emerxencia moi elevado. Porén, no Plan de Emerxencias Municipal aprobado no Pleno de Santiago aínda non se reflicte o risco relativo aos temporais, a pesar do compromiso adquirido polo Goberno local a petición do grupo nacionalista, que demandara tamén que se tivesen en conta achegas e observacións de colectivos directamente implicados para engadir a súa experiencia.
Considera o BNG que os danos ocasionados nos últimos anos na nosa cidade por causa dos temporais foron importantes e a cidadanía ten que coñecer os procedementos e estar preparada, de xeito preventivo, para lle facer fronte aos riscos potenciais cando se prognostican adversidades meteorolóxicas.