O BNG require 13 millóns de euros máis nos Orzamentos do Estado para Santiago
Céntranse en infraestruturas e seguridade viaria, medio ambiente e patrimonio cultural.
Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2014.- A deputada no Congreso Rosana Pérez e o portavoz municipal Rubén Cela presentaron as emendas rexistradas aos Orzamentos do Estado para Santiago de Compostela. En concreto, requiren un investimento de 13 millóns máis para sete emendas sobre infraestruturas e seguridade viaria, medio ambiente e patrimonio cultural.
Rubén Cela concretou que para a estación intermodal requirirán 2,5 millóns de euros (só aparecen 200.000 euros) e para a nova estación depuradora de augas residuais de Santiago demandará 3 millóns de euros (figuran 3,9 millóns na vella depuradora). Reclamou tamén medidas de seguridade por 1 millón de euros, tanto na N-550 como á altura da Sionlla e do Eixo, polo alto perigo que entrañan estas vías tanto para os peóns como para o tráfico rodado.
3,8 millóns para o saneamento do río Sarela
Con respecto ao tema ambiental, a maiores do investimento na depuradora, o BNG rexistrou outra emenda por valor de 3,8 millóns de euros para o saneamento integral do río Sarela e outra de 1 millón de euros para a mellora transitoria dos colectores de Pontepedriña, explicou Rubén Cela.
Sobre o patrimonio cultural, o BNG reclamará 1 millón de euros para acometer unha segunda fase no Castelo da Rocha. Rubén Cela lembrou que, froito dunha negociación anterior nos Orzamentos do Estado, se conseguiu 1 millón de euros que foi a cantidade destinada á primeira fase de restauración que vén de rematar para a escavación e posta en valor deste xacemento arqueolóxico tan importante na historia de Galiza.
O BNG reclama tamén 1 millón de euros para a mellora, acondicionamento e posta en valor dos camiños de Santiago ao seu paso polo municipio de Santiago de Compostela, cremos que ten que haber unha actuación conxunta do Concello e da Xunta de Galiza, mais tamén do Estado porque non poden realizarse melloras exclusivamente cando nos visitan Merkel ou Naruhito.
Estas emendas son realistas e ponderadas e mellorarían substancialmente os Orzamentos do Estado para Santiago de Compostela porque son insuficientes no social, que se tratará coas emendas para todo o país, e nas infraestruturas da cidade, concluíu o portavoz municipal nacionalista en Raxoi.
Artificio orzamentario
Pola súa parte, Rosana Pérez deu conta do traballo desenvolvido polo BNG a respecto dos Orzamentos do Estado, actualmente en tramitación, e das emendas que rexistrará sobre investimentos e servizos para Santiago de Compostela. Así, explicou que hai ter en conta que o Goberno do Estado cando preparou estes orzamentos estaba pensando fundamentalmente nas tres citas electorais de 2015 que, ademais, pretende vender como os da consolidación da recuperación, que consideramos que para a maioría da sociedade non existe, senón que é unha consolidación do empobrecemento social que arrastramos nos últimos anos.
As emendas do BNG están centradas en Galiza, afirmou, porque é falso que sexa das máis beneficiadas do Estado nestes Orzamentos. Consideramos que os Orzamentos van destinados exclusivamente á alta velocidade ferroviaria entre Madrid e Galiza e deixan abandonadas outras infraestruturas de titularidade estatal en territorio galego, moitas delas incluso comezadas que non reciben nin un euro. Ademais, só se prevé unha execución dun 70%, explicou, polo que se trata dun artificio orzamentario que non se acaba por aplicar mentres aos sectores produtivos da economía galega non se destinan fondos.
Ademais, explicou que as emendas do BNG van encamiñadas á dinamización dos sectores produtivos, ao saneamento das rías e á restauración da N-550. Trátase da única alternativa de norte a sur á costosísima AP-9 que segue sendo unha das autoestradas máis caras do Estado e non é hora de seguir con remendos en distintos puntos, por iso incluímos unha emenda de 15 millóns de euros para que haxa unha actuación integral para mellorar a seguridade viaria na N-550, incidiu a deputada.
Sobre a cuestión social, indicou que os Orzamentos contemplan un recorte do 5,6% en Sanidade e a suba mínima das pensións no 0,25% que vai supor menos de 1,5 euros ao mes, co agravante para Galiza que ten unha poboación de persoas maiores e pensionistas das máis altas do Estado español. O BNG requirirá tamén a reposición de 250 prazas de xuíces e xuízas para axilizar a Xustiza, coa incidencia que isto ten en Santiago, e a proposta de emendas para bolsas de estudantes e investimentos en I+D+i para dinamizar a economía e favorecer que a xente nova poida ter oportunidade de conseguir traballo, sinalou Rosana Pérez.