Rubén Cela: No pazo de Raxoi mudaron as caras, mais non as formas nin o fondo"
Nos vindeiros días vai haber un novo dedazo de Agustín Hernández para nomear un novo concelleiro ou concelleira na Corporación que non vai contar co aval democrático de ter pasado polas urnas, afirmou Rubén Cela.
Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2014.- O portavoz municipal do BNG en Raxoi, Rubén Cela, valorou a preguntas de xornalistas a decisión do PP de premiar a Ángel Currás polos seus servizos prestados e afirmou que é un absoluto escándalo e evidencia os verdadeiros valores do PP. Nos últimos tempos no pazo de Raxoi mudaron as caras, mais non as formas nin o fondo, engadiu.
Agustín Hernández e o PPdeG premian os servizos prestados de Ángel Currás e o seu silencio, a base de tirar da chequeira pública, para bochorno e escarnio da veciñanza de Santiago porque é evidente que non vai pasar a dirixir a delegación dunha empresa pública, das máis grandes do país, polos seus méritos e a súa capacidade, nin polo seu brillante currículo que inclúe unha dupla imputación, nin polas formas e o talante e a súa folla de servizos nos últimos anos en Santiago de Compostela, sinalou.
Esta medida adoptada polo PP pode ser legal pero en termos éticos e políticos é reprobábel e bochornosa, afirmou. Ademais vai levar consigo unha segunda derivada, nos vindeiros días vai haber un novo dedazo de Agustín Hernández para nomear un novo concelleiro ou concelleira na Corporación que non vai contar co aval democrático de ter pasado polas urnas.
Polo tanto, sinalou, en papel mollado quedan os discursos de rexeneración democrática, de reformas electorais para que a cidadanía decida directamente a figura dos seus alcaldes cando a práctica diaria do PP é toda a contraria.
Agustín Hernández quere sacar un problema de enriba, pero faino do peor xeito posíbel e a base dos cartos públicos que pagan os cidadáns e as cidadás cos seus impostos, concluíu.