O BNG traslada ao Pleno o incumprimento da bonificación da taxa de lixo polo uso de composteiros
A súa utilización permite reducir o lixo xestionado polo Concello
Santiago de Compostela, 28 de outubro de 2014.- O grupo municipal do BNG de Santiago defenderá unha iniciativa no vindeiro Pleno co obxectivo de que se aplique a bonificación estabelecida na taxa de recollida de lixo ás persoas que fan uso de composteiros que favorecen a redución de residuos orgánicos.
A concelleira Elvira Cienfuegos lembra que o BNG en 2012, cando detectou que o Goberno local deixara de aplicar estas bonificacións, rexistrou unha pregunta para coñecer os motivos e as previsións para reparar esta situación. Daquela, o PP respondera por escrito que a acumulación de expedientes atrasaba a aplicación da redución na taxa e que tratarían de solventar este tema reforzando os recursos humanos sempre que a dispoñibilidade orzamentaria o permitise. Transcorridos dous anos, as persoas beneficiarias desta redución na taxa de lixo seguen sen tela aplicada nos seus recibos, explicou a concelleira.
Segundo indicou Elvira Cienfuegos, a utilización deste sistema domiciliario permite transformar a materia orgánica en compost e, conseguintemente, reducir o lixo xestionado polo Concello. Ademais, dixo, utilización de composteiros vén acompañada dunha redución na taxa por recollida do lixo, de acordo co estabelecido na ordenanza que regula a taxa por prestación do servizo de recollida e tratamento de residuos sólidos urbanos, que nestes últimos anos non se está aplicar.
Neste sentido, o BNG volverá requirir do Goberno local que cumpra as ordenanzas fiscais diante das queixas recibidas da veciñanza de Santiago de que non se aplican as bonificacións que contemplan.