Rubén Cela afirma que o PP deu marcha atrás co nomeamento de Currás pola presión social e política
Agustín Hernández herdou as prácticas políticas dos seus dous predecesores na Alcaldía e ten a mesma capacidade de crear problemas onde non os había
Santiago de Compostela, 29 de outubro de 2014.- O portavoz do grupo municipal do BNG de Santiago, Rubén Cela, logo de que o presidente da Xunta pechase a porta aparentemente de Tragsa a Ángel Currás sinalou que o PP se ve na obriga de dar marcha atrás pola presión política e social exercida cando se coñeceu a noticia.
Rubén Cela insistiu en que Currás, que segue dobremente imputado, debía estar fóra da Corporación municipal dende hai moito tempo e que a súa marcha non pode depender de que o premien con algún outro cargo público logo da desfeita que realizou á fronte do Concello de Santiago.
O BNG é contrario a estas prácticas políticas do PP que non contribúen a estabelecer a confianza necesaria entre a cidadanía e os representantes públicos. Así, considera que Agustín Hernández herdou as prácticas políticas dos seus dous predecesores na Alcaldía, Ángel Currás e Conde Roa, porque a xestión segue igual nas formas e no fondo e ten a mesma capacidade de crear problemas onde non os había.
Todo isto o que puxo de relevo son os verdadeiros valores do PP. Non tiñan ningún escrúpulo en intentar premiar co erario público a Currás polos seus servizos prestados e pola súa marcha en silencio, a pesar da súa pésima xestión á fronte do Concello de Santiago, as súas aptitudes e a súa condición de dobremente imputado, engadiu.
Advertiu tamén que a situación de Santiago non se resolve con pedir perdón, como adoita facer o PP ultimamente, nin con discursos de rexeneración democrática que consisten nun cambio de caras, porque é necesario depurar as responsabilidade para facerlle fronte de xeito tallante á corrupción que aflora derivada do clientelismo político.