O BNG reclama que o Concello apoie o asociacionismo que traballa para combater a violencia de xénero
Elvira Cienfuegos requirirá no Pleno unha campaña de concienciación contra a violencia machista en colaboración co tecido social da cidade
Santiago de Compostela, 29 de outubro de 2014.- O grupo municipal do BNG de Santiago rexistrou unha moción para que o Concello de Santiago apoie o asociacionismo que traballa no combate contra a violencia de xénero. En concreto, reclama unha campaña de concienciación para desenvolver, en colaboración co tecido social, sobre a responsabilidade social e a necesidade de illar os agresores e elaborar un plan de formación especial para o persoal que traballa con mulleres vítimas de violencia de xénero na nosa cidade.
Así, a concelleira Elvira Cienfuegos defenderá no Pleno deste venres unha moción na que proporá tamén trasladarlle á Xunta de Galiza a necesidade do desenvolvemento lexislativo do artigo 39 da Lei galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, relativo á necesidade dunha dotación económica que posibilite a autonomía e independencia respecto do agresor.
Outra das medidas que presentará o BNG vai encamiñada a reclamar o cumprimento da normativa en publicidade sexista, co fin de que se rompan patrocinios públicos con aqueles medios que a vulneren.
O texto da moción recolle ademais que o feito de que, ano tras ano, as administracións non sexan capaces de frear a violencia contra as mulleres e de crear conciencia na sociedade para facer efectiva a prevención e a resposta inmediata indigna amplos sectores da cidadanía, que constatan a inexistencia de medidas que cheguen a todos os ámbitos da vida e que sirvan para demostrar que o compromiso coa loita contra o machismo é unha prioridade política.
Así, o BNG presenta esta iniciativa co obxectivo de exercer este compromiso día a día, no marco da celebración dos contidos que só parecen existir arredor da data do 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia contra as Mulleres.