Hernández non pode eludir a súa responsabilidade na operación de nomear a Currás delegado de Tragsa
O legado que deixa Currás é un deterioro da cidade evidente e do funcionamento desta institución, polo que non merece ningunha recompensa
Que unha proposta así estivese enriba da mesa despois do acontecido nos últimos anos é a mellor mostra de que hai cousas que non cambiaron no PP
Santiago de Compostela, 30 de outubro de 2014.- O portavoz do grupo municipal nacionalista en Santiago, Rubén Cela, sinalou en rolda de prensa que para o BNG resulta evidente que o PP se viu obrigado a recuar na súa decisión de premiar a Ángel Currás coa dirección da Delegación galega de Tragsa exclusivamente pola presión política e pola presión social.
Se non chega a existir esa presión politica e social, explicou, Ángel Currás estaría en Tragsa ou en calquera embaixada de retiro pagado con cartos públicos. O simples feito de que unha proposta deste tipo estivese enriba da mesa despois do acontecido nos últimos anos é a mellor mostra de que hai cousas que cambiaron pouco ou nada neste Concello, afirmou, é a mellor mostra dos valores do PP e de que a actuación do PP no Concello de Santiago foi e segue a ser carente de calquera ética e estética porque unha decisión dese tipo podería ser legal, pero en termos políticos, éticos e morais é absolutamente inaceptábel e impresentábel.
Agustín Hernández non pode pórse de perfil e eludir as súas responsabilidades neste proceso, nin escorrer o vulto como se non fose con el a proposta de designar a Currás como delegado de Tragsa en Galiza. Para Rubén Cela, se ben é certo que as actas de concelleiro son da persoa e non do partido, xa que a decisión última de abandonar a Corporación lle corresponde á persoa, hoxe Ángel Currás é un concelleiro con dedicación exclusiva, pagado por todos os veciños e veciñas de Santiago para unha responsabilidade que ninguén sabe cal é; e iso é responsabilidade de Agustín Hernández.
Para Rubén Cela tampouco resulta críbel que Agustín Hernández non soubese nada e non coñecese esta operación, cando á parte de alcalde segue sendo o número tres do PPdeG como vicesecretario. Esta é unha decisión política e non pode eludir as súas responsabilidades como tal, insistiu.
Para o BNG, Ángel Currás xa hai moito tempo que debería ter abandonado a Corporación municipal de Santiago pero sen ningún tipo de recompensa polos servizos prestados, porque pode ser que llos prestara ao PP facilitando a entrada de Agustín Hernández e que agora lle queiran devolver o favor. Currás fixo un dano á cidade que custará moitísimos anos e traballo reparar, indicou Rubén Cela, e o seu legado é un deterioro da cidade evidente e do funcionamento desta institución, polo que non merece ningún tipo de recompensa, concluíu.