O BNG reclama no Pleno que se activen os consellos municipais para fomentar a participación cidadá
Propuxo melloras nos terreos municipais usados como aparcadoiro, a inclusión do protocolo de temporais no Plan de Emerxencias e a aplicación da bonificación no recibo do lixo por uso de composteiros
Santiago de Compostela, 31 de outubro de 2014.- O grupo municipal do BNG trasladou ao Pleno ordinario de outubro a necesidade de activar os consellos municipais de participación cidadá que deu ao traste o PP nestes tres anos de Goberno local, xa que só dous dos 14 existentes se chegaron a constituír e todos eles permanecen sen actividade e incumpren o regulamento de convocatorias. O BNG rexistrou para esta sesión plenaria tres mocións e tres rogos encamiñados a propor iniciativas de interese para a cidade, ademais de diversas preguntas para o control do labor do Goberno local. O PP impediu o debate das mocións coa súa maioría absoluta.
Un dos rogos do BNG, aceptado en parte polo PP, foi destinado a reclamar melloras nos terreos utilizados como aparcadoiros nas proximidades do centro urbano, motivado polo atraso que sofre a posta en marcha do Plan sectorial de aparcadoiros disuasorios que a Xunta presentou en xullo de 2012. Os terreos utilizados como aparcadoiro sen ningún tipo de ordenación -na Pontepedriña debaixo das vías do tren, na parcela que está a carón do Conservatorio na rúa Altiboia, ou na que vai da vía de Clara Campoamor á rúa de Sar- contribúen á mellora da mobilidade no centro urbano posto que moitos veciños e veciñas da cidade e de fóra desta non chegan a entrar cos seus vehículos nas rúas con maior afluencia de tráfico. Así, o BNG conseguiu o compromiso do PP de acondicionar o da Pontepedriña e o da contorna do Conservatorio.
Outra das iniciativas foi dirixida a incluír no Plan de Emerxencias Municipal un apartado referido aos temporais. O BNG lembroulle ao alcalde o compromiso adquirido no Pleno en que se aprobou este documento para incorporar este protocolo de prevención contra os posíbeis riscos de temporais. O PP comprometeuse a elaboralo e a introducilo.
O BNG requiriu ademais a aplicación da bonificación estabelecida na taxa de recollida de lixo ás persoas que fan uso de composteiros, que favorecen a redución de residuos orgánicos, que o PP deixou de repercutir nos recibos. O PP comprometeuse a ofertar 100 composteiros domiciliarios máis en 2015.
Reclamou tamén o BNG unha campaña de concienciación sobre a violencia de xénero para desenvolver en colaboración co tecido social da cidade e outra das mocións foi dirixida a declarar o Concello de Santiago libre do Tratado Transatlántico de Comercio e Investimento (TTIP), ademais de instar ao Ministerio de Economía a que suspenda as negociacións deste acordo que pretende maior cesión da soberanía aos poderes económicos. O debate destas dúas mocións foi rexeitado polo PP.