O BNG convoca a asemblea aberta para recoller propostas do programa e da candidatura das municipais
O acto busca a participación da veciñanza no proceso Construíndo Futuro e será o xoves ás 19:30 na Facultade de Filosofía, na praza de Mazarelos
Santiago de Compostela, 4 de novembro de 2014.- O Bloque Nacionalista Galego convoca unha nova asemblea aberta, enmarcada no proceso Construíndo futuro, que en Santiago de Compostela será o xoves 6 de outubro ás 19:30 na Facultade de Filosofía, na praza de Mazarelos. Alí se proporán as bases para o próximo programa das eleccións municipais de 2015 en Santiago de Compostela e tamén as persoas que deben ser as caras do proxecto do BNG-Asembleas Abertas, que é a fórmula que escolleu para concorrer nos vindeiros comicios, explicou a deputada Ana Pontón.
Así, en rolda de prensa, animou a participar neste proceso a todos os veciños e veciñas de Compostela que están fartas de ver a corrupción que hai no Concello e de comprobar como o PP utiliza as institucións como se fosen a súa casa particular, ao tempo que queren construír para Santiago de Compostela unha alternativa para Galiza en clave de defensa do país, dos dereitos sociais e da soberanía dos pobos.
A traxectoria do BNG durante estes últimos anos acredita que non é unha forza homologábel ao resto; é unha forza diferente e alternativa que tivo propostas importantes para a cidade e que o demostra en concellos onde goberna con políticas que se abren as institucións ao servizo do pobo, indicou, e esas experiencias serían exitosas en Santiago de Compostela.
A deputada Ana Pontón -que estivo acompañada de Inma G. Escourido, de Galiza Nova- explicou tamén que, con esta asemblea, o BNG dálle continuidade ao proceso participativo que nuns meses tivo xa 154 asembleas abertas en toda Galiza nas que asistiron arredor de 6.000 persoas, das que o 60% non eran militantes. Este proceso aberto dá resposta a unha demanda da base do nacionalismo de abrir máis canles de participación e comprobamos satisfactoriamente como hai unha preocupación por fortalecer o BNG e por levar unha alternativa nacionalista aos concellos deste país que permita loitar contra a corrupción e favorecer procesos en que as institucións se poñan ao servizo do pobo e que, deste xeito, aposten realmente por unha rexeneración da política, engadiu.
Este é un proceso importante, no que o BNG pretende fortalecer o polo soberanista en Galiza na mesma liña que en Euskadi e en Catalunya, que se ve como alternativa real a este sistema saído da Transición e que provoca tanta desigualdade e pobreza no conxunto do Estado e no noso país, sinalou. A mellor maneira de fortalecer os dereitos sociais e a democracia fronte ao secuestro sometido do bipartidismo é defender o dereito dos pobos a decidir porque moitos dos problemas de Galiza están vinculados á falta de soberanía e un proceso democrático de base ten que basearse, precisamente, nos pobos e non en estruturas estatais caducas que, ademais, marxinan o noso país.
Neste sentido, explicou, as asembleas abertas queren tecer lazos de colaboración con eses veciños e veciñas que apostan por poñer en cuestión este modelo e por que Galiza é un pobo que ten que ter liberdade e capacidade para poder decidir, para traballar nunha alternativa fronte ao estado de putrefacción que vemos no ámbito da política estatal e, en boa parte, da política galega onde a corrupción rascuña moi de preto ao presidente da Xunta de Galiza.