Non é positivo que cada alcalde do PP faga proposta diferente para a intermodal e a vella terminal
Resulta intolerábel que despois de todo este tempo esta instalación de Lavacolla siga en desuso, explica o portavoz municipal nacionalista
Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2014.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, explicou a preguntas de xornalistas sobre a intención de Agustín Hernández de habilitar as instalacións da antiga terminal de Lavacolla como centro para peregrinos que non é positivo que cada alcalde novo do PP faga unha proposta diferente para a intermodal e para vella terminal de Lavacolla; iso non é serio.
Rubén Cela dixo descoñecer se se trata dunha opción persoal do alcalde, se a ten meditado ou se a puxo en común con alguén máis, en todo caso debe ser a enésima ocorrencia do PP. Lembrou que a quixeron converter nun centro de formación de aviación, nun viveiro de empresas e nun espazo expositivo e pazo de congresos, entre outras. O PP ten que ter unha posición dunha vez, porque cada ano que pasa esa instalación se deteriora máis, medran máis as silveiras e o día que se queira facer algo vai ser máis difícil e máis custoso, indicou.
Resulta intolerábel que despois de todo este tempo esta instalación siga en desuso, indicou. Rubén Cela sinalou tamén que o BNG defendeu sempre que á hora de decidir sobre a utilización da vella terminal se primaran os usos de carácter público sobre os de carácter privativo.
Habería que analizar o plan de viabilidade desta proposta e se as outras alternativas seguen enriba da mesa e, á marxe da opinión do alcalde de Santiago, habería que saber a opinión de Aena e do Ministerio de Fomento, afirmou.
Cando se fala de instalacións e investimentos públicos tan importantes, as decisións non se deben tomar por apetencias ou instintos persoais; hai que documentalas, poñerlles números e despois avaliar entre diferentes proxectos cal é o máis positivo para a cidade, concluíu Rubén Cela.