O BNG reclamará no Pleno melloras no servizo de transporte urbano
Pedirá que o Concello demande que no prazo de seis meses se active o ERTMS no trazado ferroviario galego para mellorar a seguridade
Advertirá de que o peche do Rexistro de Urbanismo durante o mes de agosto non contribuirá a mellorar a tramitación das moreas de licenzas pendentes
Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2014.- O Bloque Nacionalista Galego demandará, a través dunha iniciativa no Pleno municipal de xullo, melloras no servizo de transporte urbano. En concreto, reclama a restauración do servizo de autobús para lle dar solución ás necesidades da veciñanza do Son de Abaixo e arredores; a prolongación do transporte urbano de Aradas até Lamascal con retorno por Vrins e que non se reduzan no verán as frecuencias a zonas que xa habitualmente contan cun servizo precario de transporte público, posto que dende que realizou esta demanda en xaneiro aínda se agravaron máis as deficiencias.
Noutro rogo reclamará axilizar as xestións para pór en marcha a cafetaría da estación de autobuses. Pese á necesidade existente de viaxeiros e viaxeiras de usar a cafetaría da estación de autobuses e ao compromiso adquirido cos traballadores, non se coñecen avances do Goberno local de cara á recuperación deste servizo.
Outra das iniciativas que trasladará o BNG á sesión plenaria de xullo é relativa á necesidade de pór un prazo de seis meses aos compromisos de adoptar maiores medidas de seguridade no trazado ferroviario galego logo accidente acontecido hai un ano en Angrois, toda vez que se aprobara por unanimidade da Corporación municipal unha proposta da formación nacionalista en setembro e aínda non se activou o ERTMS. Isto evidencia unha clara discriminación de Galiza con respecto a outros lugares do Estado onde dispoñen de maiores medidas de seguridade ferroviaria.
O BNG requirirá que o Concello de Santiago de Compostela condene o ataque criminal perpetrado polo Estado de Israel contra a faixa de Gaza e o cesamento de inmediato dos ataques e bombardeos israelís contra o pobo palestino. Avoga tamén porque se solicite a finalización do bloqueo e o derrubamento do muro do apartheid que Israel está a construír na Palestina ocupada.
Remate das obras pendentes no polígono da Sionlla
Reclamará ademais que se executen de xeito inmediato as obras pendentes no polígono da Sionlla para garantir a inclusión do enlace coa AP-9 nas obras de ampliación da autoestrada, unha revisión da política de prezos e de captación de investimentos e, ademais, explicacións de por que non se acometeron as obras pendentes da rede de auga potábel dende a zona norte e o soterramento da rede de enerxía eléctrica de alta tensión no prazo previsto, co prexuízo que isto causa para a activación económica da cidade. Xestur comprometérase a realizar no prazo de catro meses estas actuacións pendentes cando se recepcionou o parque empresarial hai dous anos.
O BNG trasladará as queixas da veciñanza de Compostela sobre a falta de dilixencia, por parte do Goberno local, na xestión ordinaria de licenzas municipais preceptivas para a execución de obras. Este feito agrávase co anuncio de que pecharán o rexistro de Urbanismo durante o mes de agosto, de xeito que pechan tamén o servizo de cita previa e de información urbanística, por vez primeira dende que se creou. Isto é debido a unha grave falta de organización, de coordinación e de previsión que, unida ás políticas de recortes e de non reposición de persoal impulsadas polo PP, acaban pagando aqueles cidadáns que nestes tempos difíciles queren abrir ou adaptar un negocio e precisan realizar estes trámites, por exemplo.