O BNG require que a Corporación de Santiago de Compostela condene o ataque israelí contra Palestina
Mohamed Ashour: En ningún país do mundo, sexa o conflito que sexa, poden atacar os hospitais como acontece en Gaza
Santiago de Compostela, 23 de xullo de 2014.- O grupo municipal do BNG defenderá no vindeiro Pleno unha moción de solidariedade á causa e ao pobo de Palestina e de repulsa, de denuncia e de condena á auténtica masacre que o Estado de Israel está a provocar na faixa de Gaza. Na rolda de prensa no pazo de Raxoi, Rubén Cela estivo acompañado por Mohamed Ashour, médico de orixe palestina residente en Santiago de Compostela e representante da comunidade palestiniana en Galiza.
Nos últimos días, en Santiago de Compostela convocáronse diversas mobilizacións de apoio a Palestina, onde centos de veciños e veciñas saíron á rúa para amosar esa repulsa, mais agora cómpre que sexa o Pleno da Corporación, como representante da cidadanía de Santiago quen exprese esa condena á política de xenocidio do Estado de Israel, explicou o portavoz municipal do BNG.
Levamos 650 mortes na última incursión, das que hai un cento de nenos e nenas, case 4.000 persoas feridas, 100.000 desprazadas, a faixa de Gaza arrasada porque non se respectaron hospitais, escolas, vivendas, mesquitas e mesmo bombardearon unha escola da ONU e dúas axencias de prensa, relatou Rubén Cela. Trátase dun crise de lesa humanidade, cunha comunidade internacional que mira para outro lado mentres se perpetra unha operación de limpeza étnica que vulnera a legalidade internacional, indicou.
Dramática situación das familias
Pola súa parte, Mohamed Ashour, quixo transmitir na comparecencia de prensa o sentimento da familia e do pobo de Gaza. Así, expresou que as noticias internacionais que chegan a través dos medios de comunicación están verificadas polo Estado de Israel e non expresan verdadeiramente o que acontece.
A faixa de Gaza ten unha extensión semellante á provincia da Coruña e está poboada por máis de 2 millóns de persoas; é a zona máis poboada do planeta, explicou, e está sendo atacada continuamente pola ocupación israelí e sometida a un embargo dende hai 8 anos e á ausencia de fronteiras, o que provoca que non se poidan cubrir as necesidades básicas derivadas da falta de infraestruturas, comercio, médicos, subministro de construción, comida, roupa...
Dende 2009, cando foi o anterior ataque de Israel a Gaza, non se buscou solución e seguiron o embargo e a falta de medios de forma que a xente segue sometida a unha situación intolerábel, describiu.
En ningún país do mundo, sexa o conflito que sexa, poden atacar os hospitais como acontece en Gaza, afirmou este médico de orixe palestina que vive en Santiago de Compostela dende hai 31 anos. Os dous hospitais máis importantes de Gaza foron atacados o segundo día da incursión xudía. Ademais, nos centros sanitarios falta subministro básico como anestesia, gasas, medios cirúrxicos para tratar as máis de 4.000 persoas feridas que precisan atención. A isto súmase a falta de subministro de luz, durante os últimos 8 anos de embargo xamais tiveron corrente eléctrica continua durante as 24 horas, nin no inverno, nin no verán nin en calquera estación. Compras un ordenador ou unha neveira e co ir e vir da luz fulmínase todo, afirmou.
Mais tamén alertou de que as casas non teñen auga potábel na actualidade. Dóeme moito falar coa miña familia e que digan que levan catro días no mes de Ramadán en xaxún, que só comen unha vez pola noite cando se pon o Sol, e sen teren auga potábel para beber porque non hai corrente, describiu. Por non falar da ducha, que vai causar un conflito de enfermidades infecciosas e isto está provocado por alguén e hai que ser consciente da súa importancia porque se empezan as epidemias por falta de auga debido á súa contaminación alguén é culpábel desta situación, advertiu Mohamed Ashour.
Referiuse tamén á evacuación de máis de 120.000 persoas na fronteira de Gaza que, como está tan densamente poboada, están aloxados entre coñecidos, mesquitas e obra de caridade para acollelos porque derrubaron as súas vivendas, relatou. Até onde imos chegar?, preguntouse Ashour.
A solución: levantar o embargo e verificar as fronteiras
Hai un pequeno fío de esperanza que é a resistencia palestina en Gaza porque cando reclamamos se paran os ataques e a guerra, aínda queda frear o embargo e verificar as fronteiras, mais se levantan o embargo en Palestina están dispostos a negociar para buscar a liberdade e unha vía de saída. Os palestinianos necesitan que levanten o embargo dunha vez, afirmou. Xa está ben, despois de 8 anos, porque está pasando unha xeración a outra, engadiu.
Referiuse tamén a que, ademais de falta de auga, de luz e de produtos básicos, precisan axuda moral, porque acoden varias veces cada día ao cemiterio para enterrar xente, en solidariedade coas demais familias e isto é moi doloroso, hai que buscar unha solución. Crianzas, persoas maiores e moita xente inocente está a morrer cada día en Palestina sen que a Comunidade Internacional esixa a paralización deste xenocidio.
Así, preguntouse onde está a Unión Europea e Estados Unidos e os países veciños para condenar e frear os ataques de Israel. Aínda non escoitei unha condena a Unión Europea nin de España, estou indignado polo Goberno de España que é sumamente querido e adorado polo pobo árabe e palestino, lamentou.
Ashour requiriu tamén que se deteñan as relacións comerciais e diplomáticas para que paren a agresión israelí sobre Gaza. Gustaríame escoitar unha condena total e absoluta para solucionar este conflito, porque Israel non respecta as resolucións da ONU, concluíu.
Cesamento dos ataques contra o pobo palestiniano
En concreto, o BNG requirirá que a Corporación de Santiago de Compostela condene o ataque criminal perpetrado polo Estado de Israel contra a faixa de Gaza e o cesamento de inmediato dos ataques e bombardeos israelís contra o pobo palestiniano. Avoga tamén porque o Concello solicite a finalización do bloqueo contra a faixa de Gaza, así como o derrubamento do muro do apartheid que Israel está a construír na Palestina ocupada.
Ademais, o BNG aposta polo boicot diplomático, comercial, académico e cultural ao Estado de Israel mentres non cumpra a legalidade internacional e non respecte os dereitos do pobo palestiniano.
Demanda tamén que o Concello de Santiago solicite ao Goberno español que abandone a súa actitude pasiva diante deste conflito e esixa a Israel o cumprimento do Dereito Internacional e das resolucións que aprobaron as Nacións Unidas desde 1948, de reparto territorial, así como a resolución 194 que obriga a Israel a asumir o dereito ao retorno da poboación palestina á súa terra.