O BNG require un proxecto global de estación intermodal e non investimentos parciais
Rubén Cela: É inexplicábel que ante unha das infraestruturas máis importantes para a cidade nas próximas décadas non se teña en conta a opinión do Concello
Santiago de Compostela, 28 de agosto de 2015.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, manifestou o seu rexeitamento ao proxecto de construción para a adaptación da estación de Santiago de Compostela aos servizos da alta velocidade ferroviaria, aprobado hoxe polo Consello de Ministros, en troques de facer unha verdadeira estación intermodal que actúe como intercambiador de transporte e mellore a mobilidade na cidade dende unha perspectiva urbanística.
De pouco valeu a interlocución mantida entre o alcalde de Santiago e os responsábeis do ADIF e ogallá que o alcalde teña maior capacidade de persuasión na entrevista do 2 de setembro coa ministra de Fomento, indicou en rolda de prensa. É inexplicábel que ante unha das infraestruturas máis importantes para a cidade nas próximas décadas non se teña en conta a opinión do Concello de Santiago de Compostela, afirmou. Os responsábeis das administracións téñense que sentar, chegar a acordos, consensuar e desbloquear asuntos coma este e, nese sentido, para o BNG é delirante que se diga que se vai poñer en marcha a primeira fase de algo que ninguén coñece, explicou.
Así, preguntouse cal é o proxecto global que ten o ADIF para o concello de Santiago porque ninguén o coñece. Moito nos tememos que, se se leva adiante esta primeira fase, non haberá seguintes fases porque o ADIF e o Ministerio de Fomento queren resolver un problema que non é o que ten Santiago, indicou. Así, explicou que ADIF ten un problema porque a alta velocidade ferroviaria, supostamente, vai chegar en 2018 e a actual estación ferroviaria non pode acollela coas medidas técnicas e de seguridade que require. Así, con esta dotación orzamentaria aprobada no Consello de Ministros resolve aspectos ferroviarios no que ten a ver cos andéns, pasos inferiores, ampliación do vestíbulo e barreiras arquitectónicas, sinalou o portavoz municipal.
Para o BNG, cómpre un proxecto máis global e non facer estes investimentos se realmente se pretende facer unha verdadeira estación intermodal en condicións, indicou Rubén Cela. A estación intermodal nunca a concibimos como unha solución exclusivamente ferroviaria, senón de mobilidade urbanística a unha zona importante da cidade para conectar mellor o Ensanche con Pontepedriña e coas Brañas do Sar, como superar o corte de navalla que supuxo o paso ferroviario entre estes barrios e como unha solución de intercambiador de transporte en Santiago de Compostela, concluíu.