O BNG requírelle ao alcalde alternativas de paso mentres duren as obras en Quiroga Palacios
Rexistrou unha pregunta para coñecer se ten prevista algunha actuación para evitar as molestias que xeran as obras á veciñanza
Santiago de Compostela, 12 de agosto de 2015.- O grupo municipal do BNG rexistrou unha pregunta dirixida ao alcalde para coñecer se ten prevista algunha actuación para evitar as molestias que xeran as obras de Quiroga Palacios á veciñanza. Ademais, require que o Goberno local busque alternativas de paso mentres duren as obras e se adopten medidas de seguridade para evitar incidentes.
O BNG recolleu as queixas de veciños e veciñas que comproban cada día as dificultades para transitar pola rúa por mor das obras na zona. A falta de espazos habilitados para o paso de peóns ao anoitecer e nas fins de semana pon en perigo a seguridade destes ao ter que transitar entre a maquinaria.
Considera necesario desviar, de xeito efectivo, o tránsito de peóns para evitar de modo preventivo calquera incidente que se puidese producir. Por iso, é preciso que o paso peonil polo Seminario de Belvís, aberto nos días laborais e pechado polas noites, se manteña en horario inenterrompido e aberto nas fins de semana, á parte doutras medidas que se poidan adoptar para garantir a seguridade das persoas que por alí transitan.