O BNG de Santiago convoca un acto pola República Galega e traslada o debate ao vindeiro Pleno

O BNG de Santiago convoca un acto pola República Galega e traslada o debate ao vindeiro Pleno

"Require o inicio dun proceso constituínte onde as nacións do Estado sexan o suxeito político para garantir o dereito de autodeterminación dos pobos e o dereito a decidir”

Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2014.- O BNG convoca un acto este martes ás 20:00 na praza do Toural e traslada unha moción ao vindeiro Pleno ordinario para demandar un proceso constituínte no que se recoñeza o dereito a decidir como pobo co obxectivo de rematar cun réxime monárquico herdeiro do Franquismo e abrir o camiño a unha República Galega.

En rolda de prensa, Lucía Vázquez, responsábel local do BNG de Santiago explicou que no contexto en que se atopa o Estado español co anuncio da abdicación do Rei, o BNG considera que é a oportunidade para os pobos galego, catalán e vasco poder decidir o seu futuro. “O BNG reclama unha República Galega, que é o que pensamos que lle corresponde ao noso País, e defende o dereito de todos os pobos a decidir cal ten que ser a organización do seu Estado e o futuro da súas nacións”, engadiu.

Nesta liña, o BNG iniciou unha campaña de actos públicos e, en concreto, en Santiago de Compostela será o vindeiro martes ás 20:00 na praza do Toural, en forma de charla-coloquio “para reflexionar xunto coa cidadanía e trasladarlle os nosos posicionamentos sobre o futuro que debería guiar da nosa nación e xunto cunha moción para defender no plano institucional”.

Pola súa parte, o portavoz do grupo municipal, Rubén Cela, sinalou que o BNG entende que a monarquía é “un réxime incompatíbel cunha verdadeira democracia”, por estar baseado nun sistema hereditario e machista, estabelecido pola graza de Deus e restabelecido pola graza de Francisco Franco, que non entronca cos principios de igualdade e de soberanía popular. Referiuse tamén aos escándalos de corrupción, de escurantismo arredor da fortuna do monarca e da súa relación con ditaduras.

Ante o anuncio de abdicación do xefe de Estado español, o BNG non vai pasar “por unha operación cosmética para intentar salvar un réxime putrefacto cun cambio de caras; é o momento de facer un auténtico xaque ao Rei popular para rematar cun modelo antidemocrático e centralista que nega o carácter plurinacional do Estado español”. Para o BNG, cómpre un novo modelo que garanta o dereito de autodeterminación que conforman os pobos do Estado español e, nese modelo, non ten cabida ningún rei e ningunha raíña.

“Apostamos claramente por unha República Galega e ademais de favorecer o debate na rúa cos actos programados, trasladarémolo ás institucións porque é fulcral para o futuro de Galiza e para o conxunto da cidadanía”, explicou. Así, o grupo municipal do BNG levará ao Pleno de Santiago unha moción para que a Xunta demande do Goberno español o inicio dun proceso constituínte onde as nacións do Estado sexan o suxeito político para garantir o dereito de autodeterminación dos pobos e o dereito a decidir.

O BNG de Santiago convoca un acto pola República Galega e traslada o debate ao vindeiro Pleno