Rubén Cela afirma que o PP prefire nomear concelleiros a dedo a que decidan as urnas
A capital de Galiza está gobernada por catro edís; un feito inaudito e unha mostra de irresponsabilidade do trato do PP a esta cidade
Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2014.- O PP prefire nomear concelleiros a dedo a que decidan as urnas, afirmou Rubén Cela, portavoz do grupo municipal nacionalista en Raxoi. Tivo na súa man cederlle a voz á veciñanza de Santiago como lle esixiu o BNG ante a situación insostíbel do grupo de Goberno, co obxectivo de disolver a Corporación e convocar eleccións anticipadas, mais optou por esgotar os prazos. Manter un alcalde dobremente imputado e encher con concelleiros que non saíron das urnas vai acrecentar a crise de lexitimidade deste Goberno local, explicou.
Deste xeito, cualificou a situación como crítica porque o PP volve trabucarse ao deixar un alcalde dobremente imputado para pilotar un barco á deriva, que leva a cidade por diante, indicou. Reclamou así, mais unha vez, a dimisión do alcalde de Santiago de Compostela.
A xunta de portavoces, sen convocar
Ademais, o grupo municipal do BNG considera inconcibíbel e impresentábel que aínda non se convocara unha xunta de portavoces logo da inhabilitación de sete edís e da dimisión de dous máis do equipo de Goberno do PP durante a última semana. Hoxe, a capital de Galiza está gobernada por catro concelleiros; un feito inaudito e unha mostra de irresponsabilidade do trato do PP a esta cidade, explicou.
Para Rubén Cela, non é razoábel que nunha democracia, diante dun auténtico tsunami e da crise institucional máis profunda que viviu nunca na súa historia democrática o Concello de Santiago, o alcalde non se digne a convocar unha xunta de voceiros para dar unha explicación do resultado da sentenza xudicial co fin de pór en común cos grupos da oposición, que tamén son parte dos representantes da veciñanza, a planificación prevista para a renovación dos cargos.
A dimisión de Rebeca Domínguez agrava a crise
Sobre a dimisión da concelleira Rebeca Domínguez, manifestou que agrava a crise de lexitimidade e de desprestixio do Goberno de Santiago. Este Goberno ten demostrado a súa absoluta incapacidade para xestionar unha cidade como a capital de Galiza e esa crise de lexitimidade non se vai superar cun proceso encabezado por Ángel Currás, porque é un alcalde dobremente imputado e que tiña a obriga de presidir a Xunta de Goberno pola que acabaron condenados os sete concelleiros, explicou.
O programa co que o PP de Santiago concorreu ás eleccións municipais recollía literalmente no apartado de Confianza, legalidade e transparencia que se recuperará a imaxe dos responsables políticos locais como servidores públicos por excelencia e garantes dun sistema aberto, transparente, que se cinga á legalidade e sen fisuras