Rubén Cela cualifica de insólita a actual situación política do Goberno de Santiago
Un alcalde dobremente imputado, deslexitimado e sen autoridade moral diante do persoal municipal non pode ser quen pilote a renovación
Só coa dimisión de todos os cargos imputados sería posíbel comezar unha nova etapa e que fose críbel unha mensaxe de transparencia, de limpeza e de rexeneración democrática que tanta falta fai nesta institución
Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2014.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, cualificou de insólita na historia do Concello e no municipalismo galego a actual situación política do Goberno de Santiago de Compostela.
Segundo explicou Rubén Cela, a normativa electoral estabelece que, con independencia de que os concelleiros condenados poidan recorrer a sentenza que os inhabilita para exercicio de cargo público durante nove anos, teñen a obriga de abandonar de xeito inmediato as súas responsabilidades. Os concelleiros e concelleiras do PP non marchan motu proprio, non marchan forzados pola dirección do PP, senón que son expulsados pola Xustiza, indicou.
A posición do BNG é inequívoca e levamos máis dun ano defendéndoa publicamente, afirmou, calquera cargo imputado por corrupción ou por malas prácticas especialmente graves como as vividas en Compostela, na cidade que sexa e do partido que sexa, debe abandonar as súas responsabilidades públicas de xeito fulminante.
Para Rubén Cela, estes sete concelleiros teñen que marchar pero os demais que seguen imputados noutras causas xudiciais deberían seguir o seu mesmo camiño, a comezar polo alcalde. Un alcalde dobremente imputado, deslexitimado e sen autoridade moral diante do persoal municipal non pode ser a persoa que pilote a renovación do actual grupo de Goberno, indicou.
O PP deixa a Currás para designar os novos compoñentes do Goberno de Santiago de Santiago, xa que logo, será un Goberno que nace deslexitimado e desprestixiado. Iso púidose evitar se o PP aceptase a petición do BNG e dunha parte moi importante da veciñanza de Santiago que era disolver a Corporación, convocar eleccións municipais anticipadas para que fose a veciñanza quen designase un novo equipo de Goberno.
O legado do PP: cinco causas xudiciais abertas
O escenario que deixa o PP en Santiago é desolador, dos 13 concelleiros que conseguiron a súa acta nas pasadas eleccións municipais, só quedan dúas persoas electas. O outro legado que deixa o PP son as cinco causas xudiciais pendentes de resolución, porque esta sentenza é tan só un caso colateral da operación Pokemon.
Así, o Goberno que terá que renovarse en máis da metade dos seus membros, co que iso vai implicar no funcionamento ordinario do Concello e de molestias para a veciñanza porque hai áreas nas que será a terceira, cuarta e quinta vez que modifican o titular e a xente non saberá quen xestiona os parques, o alumeado público ou a pavimentación. Isto foi un disparate e dislate do PP, engadiu.
Así, insistiu en requirir a dimisión de todos os cargos imputados restantes porque só así sería posíbel comezar unha nova etapa en Santiago de Compostela e que fose críbel unha mensaxe de transparencia, de limpeza e de rexeneración democrática que tanta falta fai nesta institución.
Mais o PP só está disposto a mover ficha cando está obrigado por sentenza xudicial e non está disposto a asumir as súas responsabilidades políticas, concluíu.