O BNG traslada ao Parlamento os erros de tramitación da obra de Galeras e esixe a súa paralización
A Xunta debe responder sobre o necesario cambio de uso do PXOM e da súa afección nesta zona de protección da cidade como Patrimonio da Humanidade
Santiago de Compostela, 28 de marzo de 2013.- A deputada parlamentar Ana Pontón e o portavoz municipal Rubén Cela ofreceron unha rolda de prensa para anunciar as iniciativas que a formación nacionalista trasladou á Cámara galega co obxectivo de que a Dirección xeral de Urbanismo e a Dirección xeral de Patrimonio se pronuncien sobre os erros de tramitación da obra da rotonda de Galeras de cara a esixir a paralización definitiva por non atender ao interese público.
O BNG advertiu, en múltiples ocasións, das irregularidades na tramitación formal da actuación da rotonda de Galeras e da falta dunha motivación que xustifique o seu interese público, explicou Rubén Cela. Estamos a carón da veciñanza do parque de Galeras nas súas reivindicacións e propostas e, en concreto, foi o BNG quen levou ao Pleno a necesidade de paralización destas obras, explicou. Ademais, o BNG mantivo unha reunión coas persoas afectadas onde se adquiriron unha serie de compromisos.
Ana Pontón indicou que o BNG quere amosar, mais unha vez, o apoio á plataforma do parque de Galeras nas súas reivindicacións e demandou a paralización das obras porque na actualidade están fóra da legalidade, porque non van mellorar a calidade de vida e do contorno do barrio, senón todo o contrario, e ademais non responden a un interese público, senón privado.
As obras da rotonda de Galeras son unha mostra máis das chapuzas e dos chanchullos deste Goberno local do PP que debería escoitar e atender a reivindicación maioritaria deste barrio, indicou.
Para a deputada nacionalista, tamén ten responsabilidades a Xunta de Galiza que non pode mirar para outro lado, porque ten que velar polo cumprimento da legalidade en materia de urbanismo. O BNG entende que se se analiza de xeito pormenorizado a tramitación deste convenio hai moitas irregularidades no ámbito urbanístico e patrimonial, de aí que tanto a Dirección xeral de Urbanismo como a Dirección xeral de Patrimonio deberían responder no Parlamento de Galiza sobre o cambio de uso estabelecido no plan xeral de ordenación municipal pertinente para a súa execución e sobre a súa afección nunha zona de protección da cidade como Patrimonio da Humanidade.
Así, indicou que o BNG segue a ofrecer apoio a esta plataforma para esixir que a Xunta de Galiza se sume á voz da veciñanza e reclame a paralización destas obras.