Rubén Cela afirma que a actitude do BNG contra a corrupción sempre foi contundente e respectuosa
A veciñanza de todas as cores políticas está farta de coñecer cada día máis episodios de malas prácticas do Goberno local do PP de Santiago
Santiago de Compostela, 28 de marzo de 2013.- O portavoz municipal Rubén Cela respondeu as declaracións da portavoz do Goberno local, María Pardo, contra o BNG que cualificou dunha saída de ton máis, posto que cada día se desacredita máis a si mesma. Afirmou ademais que o BNG ten unha actitude contundente contra as corruptelas, as malas prácticas e contra todo o mal que fixo o PP nestes tres últimos anos no Goberno desta institución. Anunciou tamén que o BNG seguirá cunha actitude contundente na institución e na rúa contra a corrupción.
O maior escrache realizado en Santiago de Compostela é, sen lugar a dúbidas, o escrache que o PP lle fixo á veciñanza de Santiago durante os tres que leva no Goberno local, sinalou. O PP escrachou, e ben escrachada, a credibilidade deste Concello e o funcionamento diario e ordinario desta institución, engadiu.
Para Rubén Cela, esas declaracións de María Pardo están fóra de lugar e van na liña de intentar incriminar toda actitude que advirta do acontecido no seo do Goberno. Indicou ademais que a actitude do BNG sempre foi contundente e respectuosa coas normas elementais de xogo democrático.
Actos na rúa e nas institucións contra a corrupción
Así, lembrou as diversas accións desenvolvidas pola formación nacionalista contra a corrupción, como o acto con vasoiras e fregonas para limpar a corrupción deste Concello, cun cadaleito para escenificar o soterramento da corrupción, con numerosas concentracións con faixas e cartaces, con recollidas de sinaturas e con repartos de dípticos informativos contra a corrupción para dar a coñecer o que aconteceu no Goberno de Santiago durante os últimos tres anos, entre outras.
A isto engádese o labor institucional, coa presentación de numerosas iniciativas no Pleno e con preguntas dirixidas ao grupo de Goberno de cara ao seu control e fiscalización. Rubén Cela aproveitou para lembrar que non se convocou o Debate do Estado do Concello a pesar de que o alcalde se comprometera a que ía ser a comezos de ano, posto que hai que facer tres durante o mandato e aínda non houbo ningún.
Hai moitos veciños e veciñas, de todas as cores políticas e sensibilidades, que están fartos de ter que erguerse e coñecer as noticias sobre malas prácticas deste Goberno e, por riba, ver a soberbia e a prepotencia con que actúan os seus membros, ademais da falta de responsabilidade e de ética política á hora de asumiren ningunha responsabilidade polo que acontece, indicou.