O BNG traslada aos plenos da comarca de Compostela o apoio da Iniciativa Lexislativa Popular da CIG
Dende o ámbito municipal, tamén se pode actuar para evitar o peche de estabelecementos como a cafetaría da estación de autobuses
Outra das propostas incide no fomento de produtos e de servizos elaborados en Galiza como forma de manter e de crear emprego no noso país
Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2014.- Portavoces municipais do BNG na comarca de Compostela mantiveron unha reunión cunha delegación da CIG para coñecer en profundidade a campaña de recollida de sinaturas que servirá para presentar unha Iniciativa Lexislativa Popular con medidas destinadas á creación de emprego. O BNG comprometeuse a trasladar esta iniciativa aos plenos municipais dos concellos da comarca.
En rolda de prensa posterior á xuntanza, o portavoz do grupo municipal nacionalista de Santiago, Rubén Cela, manifestou que o BNG coincide tanto na diagnose da CIG como nas consecuencias que están a ter na nosa cidade as políticas económicas e sociais impostas polo PP e tamén nas liñas de actuación a seguir no futuro. En concreto, sinalou, as políticas dos Gobernos do PP na Xunta e no Estado conduciron a un empobrecemento da poboación de Santiago mediante a redución dos salarios, do poder adquisitivo das pensións e do aumento de impostos indirectos e do copago en determinados servizos, o que reduce na capacidade de consumo. Estamos nunha situación de máis de 9.300 persoas desempregadas en Santiago de Compostela, con máis de 22.000 persoas en risco de exclusión social das que 4.000 viven en situación de pobreza extrema, indicou, de aí que sexa necesario aplicar estas propostas.
Pola súa parte, o responsábel comarcal da CIG, Anxo Noceda, explicou que con esta ILP se pretende levar o debate ao Parlamento de que é posíbel levar adiante medidas distintas aos recortes que practican tanto o Goberno da Xunta como o Goberno do Estado. Subliñou tamén que estes recortes os pagan o conxunto das clases traballadoras e das clases populares e referiuse aos efectos de Compostela e á inanición dun Goberno municipal máis preocupado por outras cuestións xudiciais que por atender os problemas reais dos traballadores e das traballadoras.
Aos 9.300 persoas desempregadas hai que sumarlle a perda de máis de 3.000 activos dende o inicio da crise económica, explicou. As medidas que se implementan na ILP tamén conteñen medidas dende o ámbito municipal, para unha cidade onde existe unha elevada dependencia do emprego público, da construción e do sector turístico. Recoñeceu que existe unha perda incuantificábel de perda de postos de traballo no sector público debido ás taxas de reposición do 10%, cando a realidade incluso se afasta desta situación na sanidade, na administración autonómica, na CRTVG e no ensino, entre outros.
Engadiu tamén que isto hai que unilo cos efectos perversos da reforma laboral. Na exposición de motivos da reforma laboral dise que se fai para crear emprego estábel, sinalou, mais esta norma legal contribúe a todo o contrario e isto pódese cualificar de corrupción por parte do Goberno do Estado e de quen a mantén na práctica.
Propostas concretas
Lembrou tamén Anxo Noceda que o Plan Estratéxico de Santiago de Compostela recolle que a incidencia económica da taxa do tecido industrial é a máis baixa das sete cidades galegas, polo que sería imprescindíbel incidir nese tecido industrial á hora de xerar emprego.
Xa no plano concreto, entre as propostas desta ILP, figuran que a Xunta debe crear unha campaña permanente para fomentar o consumo de produtos e servizos elaborados en Galiza como forma de manter e de crear emprego no noso país, que a política turística e comercial deberá estar articulada no apoio ao pequeno comercio, á potenciación das empresas galegas de distribución, á promoción do turismo... Referiuse, ademais, á necesaria promoción da cultura e da lingua galegas.
Entre outras accións, Noceda destacou que dende o ámbito municipal, tamén se pode actuar para evitar o peche de estabelecementos como a cafetaría da estación de autobuses, que depende de Tussa, concesionaria do Concello de Santiago.
Na rolda de prensa estiveron, ademais de Rubén Cela e de Anxo Noceda, os portavoces do BNG de Teo, Manuel Anxo Fernández Baz; de Ordes, Ramiro Recouso; o responsábel comarcal de Política municipal, Diego Boquete; e Renato Nunes, da CIG.