Rubén Cela: Un grupo de goberno que non se fala non está altura da capital de Galiza"
O PP de Santiago é un grupo roto e en absoluta descomposición; quen o paga son as veciñas e os veciños desta cidade
Cuestiona que hai concelleiros do grupo de goberno que votaron os orzamentos sen coñecelos, como recoñeceron perante a xuíza
Santiago de Compostela, 17 de febreiro de 2014.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, a preguntas de xornalistas sobre as declaracións do concelleiro de Deportes perante a xuíza da operación Pokemon, indicou que debe ser das primeiras veces que coincide nunha valoración con Adrián Varela, sobre todo no que ten a ver con que este Concello está gobernado por uns descerebrados, cando el forma parte dese mesmo Goberno local. Un grupo de goberno que non se fala nin se coordina entre si non está altura da capital de Galiza, afirmou o portavoz nacionalista en Raxoi.
Esas valoracións son bastante significativas, proseguiu. Nun grupo de goberno non teñen que ser todos amigos, hai que ser compañeiros e grupo e é evidente que iso non se dá no Concello de Santiago, engadiu. Co levantamento do sumario da operación Pokemon ademais de pór á vista as malas prácticas e corruptelas dende a chegada do PP ao Concello de Santiago.
O PP de Santiago é un grupo en absoluta descomposición, en absoluta rotura e en confrontación permanente e sen coordinación entre si; iso non é aceptábel porque quen o paga son as veciñas e os veciños desta cidade, explicou.
Indicou tamén que non é normal, como se soubo a raíz desas declaracións, que houbera concelleiros do grupo de goberno que votaron os orzamentos sen coñecelos porque nin sequera lles pasaron unha copia, nin que o alcalde non despache con determinados concelleiros, que acuse a unha concelleira do seu equipo de calumnialo e que siga no seu posto ou que o alcalde acuse de mentir o xefe de gabinete. Cuestionou, ademais, que a portavoz do goberno municipal daquel momento, Paula Prado, cualificara de chanchullos algúns dos principais proxectos do alcalde naquela altura, Gerardo Conde Roa, cando publicamente en rolda de prensa ben que os defendía.
Máis alá das cuestións que ten que determinar a xustiza se son legais e as súas consecuencias, o sumario da Pokemon deixa enriba da mesa unha imaxe patética dun goberno que non se merece esta cidade e algo que ten cuestionado en reiteradas ocasións o BNG, todo isto provocou un dano terríbel á imaxe de Santiago e tamén ao funcionamento diario deste Concello, concluíu.