Unha campaña do BNG avoga por apoiar o comercio de proximidade, feiras, mercados e produtos do país
Temos un país de primeira e uns produtos de primeira; necesitamos máis vontade política e capacidade para decidir para que o comercio local contribúa a xerar emprego en Galiza, explicou Montse Prado
Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2014.- O Bloque Nacionalista Galego presentou unha campaña para potenciar o comercio de proximidade e os produtos galegos, como un xeito de apoiar a economía local. A responsábel de Imaxe e Propaganda da formación nacionalista, Montse Prado, e o cabeza de lista ás eleccións municipais en Santiago, Rubén Cela, acompañados do primeiro tramo da candidatura, escolleron a praza de abastos de Compostela para anunciar esta iniciativa que se estenderá por todas as vilas e concellos do país.
O BNG aposta por incentivar a compra de produtos locais e galegos, con promoción da súa etiquetaxe en lingua galega, por promover a produción alternativa e ecolóxica, por recuperar os mercados municipais e as zonas comerciais tradicionais como un xeito de xerar emprego estábel e de calidade, explicou Montse Prado. Para iso, cómpre impulsar os produtos do mar, da horta e da artesanía, indicou, porque no BNG defendemos un modelo comercial propio e é posíbel facelo se hai vontade política, que significa enfrontarse ás medidas liberalizadoras que proceden da UE e que supuxeron encher o país de grandes superficies comerciais que van en contra dos intereses de Galiza como país, acrecentadas agora co tratado de libre comercio con Estados Unidos destinado a protexer as grandes multinacionais e o imperialismo no seu intento de acaparar o mercado todo.
Montse Prado reclamou, así, medidas de apoio á produción, distribución e comercialización dos produtos galegos para conseguir un modelo comercial propio e adecuado ao noso país, contra o espolio dos nosos recursos. Temos un país de primeira e uns produtos de primeira; necesitamos máis vontade política e capacidade para decidir para que o comercio local contribúa a xerar emprego en Galiza.
Pola súa parte, Rubén Cela explicou que, para o BNG, o pequeno comercio é sinónimo de postos de traballo, de dinamismo na actividade económica e de músculo na cidade para lle dar saída a pequenos produtores, creadores e artesáns da área de influencia.
Consideramos que o comercio de Santiago xa é de primeira, pero dende as administracións públicas e, nomeadamente, dende o Concello de Santiago pódese facer máis e mellor, afirmou. Así, aproveitou para reclamar máis medidas de apoio directo a mozos e mozas que queiran abrir un pequeno comercio e axudas á difusión da actividade que desenvolvan. Demandou tamén que o transporte público conecte mellor a praza de abastos, o Ensanche e a Cidade Histórica cos barrios e fórmulas de colaboración cos aparcadoiros, para que poidan competir en mellores condicións coas grandes superficies, ademais dunha mellor sinalización para indicar a praza de abastos e outras áreas de pequeno comercio.
Lembrou que a praza de Santiago foi fundamental historicamente por abastecer con produtos de proximidade a veciñanza e a restauración de Compostela e, pesar de que sexa o segundo punto de visita para o turismo, non se debe desvirtuar o fin último deste mercado nin o da Cidade Histórica, onde reclamamos que na revisión do Plan Especial se prioricen os usos para pequeno comercio dos baixos dos inmóbeis.
Na presentación, onde se repartiu material de promoción da campaña, participaron ademais membros da lista do BNG para as eleccións municipais de 2015 como Goretti Sanmartín, Rafael Vilar, Lois Calvelo, Pilar Lueiro, Manuel Domínguez e Salvador Martí, entre outros militantes e simpatizantes da formación nacionalista.