Cela lidera a candidatura BNG-Asembleas Abertas para superar o peor Goberno da etapa democrática
Dinamizar a economía, crear emprego, cohesión social e participación cidadá desde unha xestión honesta son as prioridades para Compostela
Vence: As eleccións locais teñen que servir para pór fora de circulación aos partidos corruptos e construír un novo país desde os concellos
Santiago de Compostela, 17 de decembro 2014.- Santiago non se pode permitir perder outros catros anos que, en moitos aspectos, supuxeron un retroceso de décadas, unha etapa nefasta marcada pola corrupción do PP á que é necesario dar carpetazo nas próximas elección municipais.
Hai que pasar páxina dun dos peores episodios da etapa democrática deste Concello e dar un cambio radical a unha cidade que o PP deixou á deriva, proclamou Ruben Cela, na presentación do primeiro tramo da candidatura BNG-Asembleas Abertas para os comicios de maio, que encabeza o actual portavoz municipal do Bloque.
Para iso, explicou, BNG-Asembleas Abertas presenta un proxecto de transformación e de cambio radical para Santiago.
Fronte á corrupción, limpeza e honestidade; fronte a arrogancia, diálogo e participación da cidadanía; fronte aos recortes, políticas de emprego e investimentos que dinamicen a economía; fronte a privatización de servizos básicos, máis e mellor sector público; fronte a unha política cultural que renega da nosa lingua, unha verdadeira cidade da cultura nas rúas, teatros e centros de toda Compostela; fronte á especulación, vivenda pública e urbanismo para as persoas, enumerou Cela.
Fronte ao localismo estéril, unha visión desde a capital da nación para facer avanzar Santiago e o conxunto de Galiza, concluíu o candidato quen non dubidou en admitir que o BNG tamén cometeu erros, pero que ninguén nega que fixo un traballo, tanto desde o goberno como desde a oposición, coa máxima entrega, honestidade e coherencia.
Sanmartin: Unha Compostela sen persoas durmindo na rúa
Con ese aval pretende recuperar a confianza dunha maioría da veciñanza, cunha candidatura integrada por unha equipa de persoas que a número dous, Goretti Sanmartín, definiu como diversa, plural e capaz, con homes e mulleres implicados no tecido económico, asociativo e cultural da cidade, así como na loita social.
De feito, a prioridade será combater a pobreza: Non queremos unha Compostela na que nin unha soa persoa teña que durmir na rúa, subliñou.
Fixo especial fincapé na incorporación de independentes na candidatura, tras o proceso de asemblea abertas, que se suma a solvencia e solidez de quen xa coñece o concello, como Ruben Cela e o tamén concelleiro Rafa Vilar. Asumimos con toda responsabilidade a tarefa de rematar co peor goberno da historia de Compostela, cun proxecto pensado para unha cidade integral, tanto dos barrios como das parroquias do rural.
Co portavoz nacional arroupando a candidatura, Xavier Vence subliñou as contribucións que o traballo do BNG xa ten aportado a Santiago desde a súa responsabilidade de goberno, que ten que volver a recuperar a ilusión e a imaxe de cidade moderna, dinámica e de acollida que foi Santiago.
O dirixente nacionalista considera que as eleccións de maio teñen que servir para sacar da circulación aos partidos corruptos, poñer fin á corrupción que o PP ten instalada nas institucións, como demanda esa cidadanía indignada,á que instou a ter na candidatura BNG-Asembleas Abertas o referente político para conseguilo.
É unha candidatura de xente capaz para gobernar Compostela cun programa alternativo de transformación, para manter as conquistas e devolver a ilusión a esta cidade, cun goberno ao servizo da veciñanza e non das empresas corruptas que queren vivir do orzamento público, recalcou Vence. Estas eleccións teñen que marcar un punto de inflexión no país, concluíu.
Forman parte desta candidatura Rubén Cela, Goretti Sanmartín, Rafa Vilar, Concha de la Fuente, Lois Calvelo, Pilar Lueiro, Odilo González, Marta Domínguez, Lois Mouriño, Lucía Carreira, Salvador Martí, Manuel Domínguez e Margarita Ledo.