Elvira Cienfuegos solicita un Consello de Tussa para resolver o conflito da cafetaría da estación
O BNG trasladoulle a solidariedade ao persoal pechado nas instalacións e a necesidade de garantir os seus postos de traballo
Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2014.- A concelleira Elvira Cienfuegos, que representa o grupo municipal do BNG en TUSSA, solicitou a convocatoria urxente dunha reunión do seu Consello de Administración para tratar de resolver o problema xurdido co peche da cafetaría e restaurante na estación de autobuses e dar inicio, se proceder, a un novo procedemento para a contratación deste servizo.
Segundo explicou a concelleira, o 15 de xaneiro declarouse deserto o concurso para cafetaría e restaurante da estación de autobuses, que atende milleiros de persoas que se desprazan á capital de Galiza cada día, unha dotación necesaria para complementar con calidade o servizo do transporte público colectivo.
O grupo municipal do BNG, o primeiro día do peche do persoal da cafetaría da estación de autobuses nas propias instalacións, trasladoulle o apoio e solidariedade ás reivindicacións e expresoulle a necesidade de axilizar o procedemento para buscar unha pronta solución ao conflito de cara a garantir os postos de traballo e volver poñer en marcha este servizo de restauración.
Para o BNG, é unha irresponsabilidade do alcalde de Santiago non prever as consecuencias negativas do problema de procedemento administrativo que provocou que o servizo de cafetaría fose interrompido.