Feijóo tomou unha decisión trabucada ao manter os membros da Xunta de Goberno procesados no cargo
O único responsábel da situación terríbel e esperpéntica que atravesa este Concello de Santiago ten nomes e apelidos: Partido Popular
Santiago de Compostela, 9 de maio de 2014.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, sinalou que Feijóo tomou a decisión trabucada de manter os membros da Xunta de Goberno procesados nos seus cargos e acusouno de cómplice e corresponsábel do que acontece en Santiago de Compostela.
A decisión de Feijóo foi unha nova oportunidade perdida para Santiago de Compostela para reconducir unha situación límite e insostíbel que non merece a veciñanza, porque para o BNG estaba na man do presidente do PPdeG lanzar unha mensaxe inequívoca de tolerancia cero coa corrupción e as malas prácticas e o que fixo foi blindar nos seus postos aos concelleiros e concelleiras procesados.
Feijóo fíxolle un fraco favor á veciñanza de Santiago, á imaxe desta cidade, ao funcionamento e á credibilidade desta institución e á posibilidade de iniciar un camiño para normalizar, canto antes, a vida política en Santiago de Compostela, explicou.
Un presidente ten que actuar con responsabilidade, mais non é responsábel antepor o código ético do seu partido á ética política, sinalou Rubén Cela. Referiuse tamén á contundencia coa que se pronuncia a Fiscalía, a xuíza instrutora e a Audiencia provincial da Coruña.
O auto xudicial bota por terra os argumentos de Feijóo en sede parlamentaria, onde afirmara que o informe do secretario era favorábel ao acordo de pagar con fondos públicos a defensa dun edil imputado por presuntos delitos de falsidade documental, suborno e tráfico de influencias na operación Pokemon e resulta evidente para o fiscal, para a xuíza, para a Audiencia e para calquera que saiba ler que non é así. O auto xudicial, ademais, anula a validez dos informes encargados a posteriori tanto á Secretaría municipal, como á Intervención e á Deputación da Coruña.
Tampouco é serio analizar esta situación concreta de xeito illado á situación global do Goberno de Santiago de Compostela, con 10 dos seus 13 membros imputados en seis causas xudiciais, indicou Rubén Cela. Ademais, explicou que Santiago de Compostela ten un Goberno á deriva, desprestixiado socialmente, deslexitimado e cunha incapacidade manifesta para xestionar o día a día desta cidade.
En resposta ás declaracións de Reyes Leis que culpou á oposición do acontecido, sinalou que o único responsábel da situación terríbel e esperpéntica que atravesa este Concello de Santiago ten nomes e apelidos: Partido Popular.