Abre a campaña das europeas "para actuar en defensa dos intereses do pobo galego en Bruxelas"
O BNG de Santiago realiza un chamamento á participación de quen acredita na democracia, nos dereitos sociais e na defensa do dereito dos pobos a decidir
Santiago de Compostela, 8 de maio de 2014.- O BNG de Santiago convocou o acto de inicio de campaña na praza Roxa, onde se congregaron militantes e simpatizantes nacionalistas para comezar os labores de pegada de carteis, bandeirolas e pancartas co lema Corazón na Galiza, futuro na terra.
Xesús Domínguez, membro da candidatura do BNG ás eleccións europeas, unha das persoas que liderou as reivindicacións de preferentistas en Galiza, sinalou na súa intervención que quen vota BNG ten o orgullo e a valentía de ser diferente para loitar por construír este proxecto que é Galiza, sen as ataduras que teñen outras forzas políticas con Madrid, porque acreditamos na soberanía para o noso país.
Estamos en contra deste modelo de Unión Europea que actúa en favor do poder económico e en contra dos pobos, que ten secuestrada a democracia, porque goberna o diñeiro e non a vontade dos pobos, afirmou Xesús Domínguez.
Para rexenerar esta situación, o pobo debe pasar pola guillotina democrática os culpábeis da crise e depositar a confianza nunha forza nacionalista, responsábel e comprometida co pobo como é o BNG. O BNG estará no Parlamento Europeo, sinalou, para actuar en defensa dos intereses do pobo galego, dos movementos sociais, dos sectores produtivos e das persoas agredidas polas políticas de dereitas.
O candidato fixo tamén referencia ao labor desempeñado pola cabeza de lista do BNG en Bruxelas, Ana Miranda, na pasada lexislatura na busca dunha solución política ás reivindicacións sociais como as da Plataforma de Afectados polas Participacións Preferentes e Subordinadas, que conseguiu que a Unión Europea se pronunciase a favor da anulación dos contratos, tanto na vía xudicial como extraxudicial, que logo o PP se encargou de impedir.
O dereito dos pobos a decidir
Ademais, a deputada Ana Pontón realizou un chamamento á participación e á mobilización nestas eleccións europeas aos galegos e ás galegas que acreditan na democracia, nos dereitos sociais e na defensa do dereito dos pobos a decidir.
Con estas eleccións temos que dicirlle alto e claro aos causantes da crise, a Merkel, ao Banco Central e ao Consello de Europa que Galiza existe e que os galegos e galegas non imos tragar con máis recortes, pobreza e emigración, sinalou. Rebelámonos contra as súas políticas antidemocráticas e reclamamos o dereito dos pobos a decidir, afirmou.