Vence empraza a Feijóo a dicir se o modelo de Goberno corrupto de Santiago é o modelo do PP"
É hora de dimisións e de que se deixe paso a unha Corporación limpa
Santiago de Compostela leva tres anos a sufrir co peor Goberno local da historia democrática
Santiago de Compostela, 8 de maio de 2014.- Unha representación do BNG, encabezada polo portavoz nacional Xavier Vence, congregouse ás portas do pazo de Raxoi para esixir a inmediata dimisión dos cargos imputados do Goberno municipal de Santiago, tendo en conta que sete edís irán a xuízo o vindeiro 19 de maio por un presunto delito de prevaricación. Xavier Vence emprazou a Feijóo a dicirlle á cidadanía se o modelo de Goberno corrupto de Santiago é o modelo do PP.
Se Feijóo ten a valentía de defender o modelo de Goberno de Santiago como modelo de xestión, a cidadanía saberá a qué aterse, engadiu. O BNG considera que esta situación non é soportábel e esixe dimisións de xeito inmediato.
Vence indicou que xa non hai máis tempo que agardar porque o xuízo aberto a sete edís do PP é a pinga que reborda o vaso dos cinco casos xudiciais abertos máis contra 10 membros do Goberno municipal de Santiago. Non é simplemente este xuízo, senón todo o conxunto de casos de presunta corrupción que lle afectan practicamente a todo o grupo de Goberno local do PP que obriga a tomar medidas sanitarias, indicou.
A primeira medida sanitaria, sinalou, é que se vaian todos os imputados, encausados e procesados do grupo municipal do PP. Ademais, emprazou a Feijóo a intervir dunha vez e a cumprir coas promesas de actuar claramente contra os casos de corrupción cando se abren os xuízos orais. Agora é momento de actuar, non é momento de seguir amparando os corruptos nin de humillar a cidadanía de Santiago, agregou o portavoz nacional do BNG.
Dimisións e deixar paso a unha Corporación limpa
Santiago de Compostela non pode soportar máis esta imaxe de corrupción, tanto para dentro como para fóra, afirmou. Lembrou tamén o paso de Conde Roa que deteriorou gravemente a imaxe da Corporación e, a continuación, veu Currás e o seu grupo de Goberno que seguen a danar gravemente a imaxe da cidadanía. É hora de dimisións e de que se deixe paso a unha Corporación limpa, explicou Vence.
Pola súa parte, o portavoz municipal Rubén Cela indicou que Feijóo ademais de ser o presidente da Xunta é presidente do PPdeG e, polo tanto, está na súa man que a veciñanza de Santiago non teña que pasar o bochorno e a vergoña de ver o seu Goberno local no banco dos acusados.
Levamos tres anos a sufrir o peor goberno da historia democrática do Concello de Santiago, afirmou, un goberno deslexitimado socialmente, desprestixiado, incapaz de xestionar o día a día desta cidade. O BNG seguirá a reclamar tolerancia cero coa corrupción e coas malas prácticas especialmente graves que crean grande alarma social.
Polo tanto, o BNG esixe que todos os cargos imputados, do partido que sexan e na cidade que sexa, deben abandonar as súas responsabilidades públicas de inmediato por unha cuestión de hixiene democrática e de transparencia para que a veciñanza poida confiar nas institucións e nos representantes públicos.