Xa non hai desculpas para que non dimitan os cargos imputados, como reclaman o BNG e a veciñanza
Santiago non pode manter por máis tempo un goberno fracturado, con seis causas xudiciais abertas
Santiago de Compostela, 7 de maio de 2014.- O portavoz do grupo municipal nacionalista, Rubén Cela, sinalou que o feito de que o vindeiro 19 de maio sete concelleiros de Santiago teñan que desfilar polo Xulgado como acusados supón unha nova estaca á lexitimidade deste Goberno municipal do PP de Santiago. Xa non hai desculpas para que non dimitan os cargos imputados, como reclaman o BNG e a veciñanza de Compostela, porque agora a Xunta de Goberno está en fase terminal ao ser procesada xudicialmente, agregou.
Rubén Cela realizou estas declaracións logo de coñecerse o resultado da deliberación xudicial que acordou rexeitar o recurso presentado polos sete edís acusados de suposta prevaricación que aprobaron en Xunta de Goberno pagar con diñeiro público a factura da defensa do concelleiro de Deportes, imputado por presuntos delitos de falsidade documental, suborno e tráfico de influencias na operación Pokemon.
O BNG culpou a Feijóo de cómplice da corrupción por non cesar antes os edís imputados en Santiago de Compostela e limitarse a anunciar códigos éticos con aspectos xa contemplados na Lei de Transparencia e Boas Prácticas na Administración Pública vixente dende 2006.
Santiago de Compostela non pode manter por máis tempo un goberno fracturado e deslexitimado, que ten seis causas xudiciais abertas e está á deriva, máis pendente dos xulgados que de resolver problemas da cidade, afirmou Rubén Cela. Trátase dun Goberno que non quixo prestar a atención debida ás normas polas que ten que rexerse a actividade municipal, engadiu.
Así, o BNG esixe a depuración inmediata das responsabilidades políticas de todos os cargos imputados por corrupción ou por malas prácticas especialmente graves que crean alarma social e danan profundamente a cidade.