Máis contundencia para atallar os problemas estruturais que puideron causar o accidente de Angrois
A reparación para as vítimas, familias e amizades nunca vai ser unha medalla ou unha homenaxe, senón depurar as responsabilidades e adoptar as medidas de seguridade necesarias para que un accidente así non volva repetirse
Santiago de Compostela, 24 de xaneiro de 2014.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, realizou unha avaliación dos seis primeiros meses transcorridos dende a traxedia de Angrois e demandoulle ao alcalde maior contundencia para atallar os problemas estruturais que puideron causar o accidente ferroviario.
Para o BNG, hai tres cuestións fundamentais que non se cumpriron: concluír as investigacións tanto no ámbito xudicial como no técnico, depurar todas as responsabilidades técnicas e políticas caia quen caia e resolver os problemas de seguridade existentes para evitar que unha traxedia así poida volver producirse, explicou Rubén Cela.
Cuestionou, ademais, a falta de contundencia e de esixencia do alcalde de Santiago a respecto ao Ministerio de Fomento, Adif e Renfe de cara a buscar unha solución definitiva aos problemas estruturais que provocaron o accidente ferroviario de Angrois. Seis meses despois non se adoptaron medidas efectivas e ninguén, máis alá do maquinista, asumiron responsabilidades por esta traxedia, indicou.
Non é explicábel que o PP e o PSOE non permitan abrir todas as vías de investigación, incluídas as comisións de investigación no Parlamento de Galiza e no Congreso dos Deputados, porque o mínimo que se lle debe ás vítimas e ás familias é respecto, que se busque a verdade e se depuren as responsabilidades e adopten as solucións necesarias, incluída a promesa do ERTMS en todo o trazado de Compostela.
A reparación para as vítimas, familias e amizades nunca vai ser unha medalla ou unha homenaxe, vai ser coñecer a verdade, saber que vai pagar quen permitiu que isto pasase e que se van tomar as medidas necesarias para que non volvamos vivir unha traxedia semellante, concluíu.