O Pleno dos orzamentos vai ser un debate trampeado polo exercicio de maquillaxe contábel" do PP
Unha parte importante das obras que anunciou o Goberno local están ligadas a contraer un novo préstamo que nin tan sequera está garantido
Santiago de Compostela, 24 de xaneiro de 2014.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, cualificou como debate trampeado o Pleno extraordinario para a aprobación inicial dos orzamentos de 2014 polo exercicio de maquillaxe contábel do PP para facer crer que as contas son dinamizadoras e expansivas, cando por exemplo as obras anunciadas dependen dun crédito por 6 millóns de euros que nin tan sequera está confirmado que se vaia solicitar.
Consideramos que a proposta de orzamento do PP é pantasma porque no capítulo VI, de investimentos reais, están cuantificados 9,9 millóns de euros dos que 6 se corresponden cun futuríbel préstamo que vai pedir o Concello de Santiago, explicou.
Rubén Cela indicou que no caso de solicitarse este crédito faríase a finais de ano, polo que sería imposíbel executar 26 das 66 actuacións previstas nese capítulo que se financiarían con cargo a ese préstamo.
Para Rubén Cela, ese é un dos exemplos de maquillaxe contábel dos orzamentos que elaborou o PP para facer crer que son expansivos e dinamizadores, cando en realidade non van contribuír a saír da crise.