O BNG leva ao Pleno a petición do Son de Abaixo para que se restabeleza o servizo de autobús urbano
Este recorte de liñas e de frecuencias de transporte público constitúe unha promesa incumprida máis do PP
Santiago de Compostela, 27 de xaneiro de 2014.- O grupo municipal do BNG defenderá no vindeiro Pleno unha iniciativa para que o Goberno local do PP restabeleza o transporte público no Son, xa que a veciñanza ten que se desprazar máis de tres quilómetros dende que se eliminaron liñas e frecuencias de autobús nesta zona que contaba con este servizo dende a década de 1970.
O BNG mantivo unha xuntanza a pasada semana cun colectivo de veciños e veciñas do Son de Abaixo afectados polo recorte de liñas de transporte urbano. Segundo explicaron, dende o mes de setembro do 2013 reducíronse notabelmente as frecuencias do transporte urbano que prestaba servizo ao Son de Abaixo e arredores, que xera graves problemas para a veciñanza, que ve dificultada a súa xestión diaria no relativo a acudiren aos postos de traballo, ás compras e aos centros médicos, entre outros.
Ademais, cos cambios de traxecto, a veciñanza do Son de Abaixo ten que desprazarse máis de 3 quilómetros a pé para poder acceder ao transporte colectivo por vías estreitas con tramos sen beirarrúa ou con ela practicamente intransitábel en épocas de chuvias, o que supón un perigo engadido posto que moitas das persoas afectadas son maiores e con mobilidade reducida.
Para o BNG, este recorte de liñas constitúe unha promesa incumprida máis do PP que, en vez de mellorar a dotación deste servizo público no rural dificulta o acceso ao transporte público, o que conduce a unha perda progresiva de persoas usuarias e ocasiona graves prexuízos a multitude de familias para se desprazaren a diario ao centro urbano de Santiago de Compostela.