Rubén Cela expón que os orzamentos non son a panca que Santiago precisa para saír do estancamento"
O PP de Santiago foi incapaz de conseguir novas vías de financiamento e colaboracións con outras administracións á altura do que precisa esta cidade
Este orzamento nace estrangulado porque, no plano real, todas as partidas de ingresos baixan e dependen das transferencias doutras administracións
Santiago de Compostela, 27 de xaneiro de 2014.- O BNG votou en contra da aprobación inicial dos Orzamentos municipais para 2014 por importe de 100.941.779 euros porque, en palabras do portavoz nacionalista Rubén Cela, estas contas son irreais e desgraciadamente non serán a panca que Santiago precisa para saír do estancamento e do abandono destes últimos tres anos de Goberno do PP.
Rubén Cela indicou que este orzamento nace estrangulado porque, no plano real, todas as partidas de ingresos baixan (agás os créditos bancarios), polo que son totalmente dependentes das transferencias doutras administracións para o sostemento das súas competencias propias. A isto contribúen tamén os gobernos do PP do Estado cunha baixada de -47% e da Xunta de Galiza cun descenso de -45% das súas achegas ás arcas municipais.
Ademais, prodúcese un drástico descenso nas transferencias de capital, que fai que pasemos dos 4,2 millóns nese concepto en 2013 aos 2,2 millóns neste exercicio, é dicir, un derrube do 46,61%. Entre outras cousas, sinalou o portavoz municipal nacionalista, porque foron incapaces nestes tres anos de conseguir novas vías de financiamento e colaboracións con outras administracións á altura do que merece e precisa Santiago de Compostela.
Referiuse tamén a que, en termos reais e homoxéneos, é falso que as transferencias correntes aumenten 2,8 millóns de euros, porque 2,5 proceden da compensación do IAE que antes non se prevía nos orzamentos iniciais.
En canto ao capítulo de persoal, destacou que orzan case 600.000 euros para horas extra ao tempo que suprimen prazas, fan reclasificacións e as únicas que se crean son prazas directivas innecesarias e cunha motivación que nada ten que ver co mellor funcionamento do Concello.
Dúbidas sobre a legalidade
Con respecto ás bases de execución, o BNG expuxo unha dúbida sobre a legalidade da proposta do PP de autorizar gastos antes da entrada en vigor dos expedientes modificativos de crédito correspondentes. Cremos que a lei o autoriza só para gastos anticipados contra orzamentos futuros e que vostedes o xeneralizan para todo tipo de expedientes modificativos, expresou. Deste xeito, o BNG requiriu, formalmente, un informe da Intervención do Concello sobre a legalidade da base 24 de execución do orzamento municipal.
Deste xeito, para o BNG nin este orzamento é expansivo nin dinamizador da economía, debido a que este Goberno local do PP non ten capacidade de incidir positivamente na marcha desta cidade. Compostela está cada vez máis parada, máis empobrecida e, incluso, máis descoidada, é unha cidade que perde forza e peso no conxunto do país e está ninguneada por outras administracións cun trato de cidade de terceira e non do que lle corresponde como capital de Galiza, sinalou Rubén Cela.