A paralización das obras de Galeras debaterase no Parlamento a vindeira semana cunha pregunta do BNG
A deputada Ana Pontón requirirá un pronunciamento da Xunta sobre os erros de tramitación da obra da rotonda de Galeras de cara a esixir a súa suspensión
Santiago de Compostela, 17 de abril de 2014.- O deputada do BNG Ana Pontón trasladará o vindeiro xoves 24 de abril a reivindicación da plataforma veciñal de Galeras a través dunha pregunta para resposta oral na Comisión de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos.
En concreto, a deputada parlamentar nacionalista inquirirá sobre a opinión da Xunta de Galiza a respecto do cumprimento da legalidade vixente no procedemento seguido no convenio asinado entre o Concello de Santiago de Compostela e un particular para a execución dunha actuación de seguridade viaria e tráfico rodado nas rúas de Galeras e Domingo García-Sabell, así como a eventual paralización das obras iniciadas que xeraron a oposición da veciñanza.
Así, Ana Pontón requirirá que a Dirección xeral de Urbanismo e a Dirección xeral de Patrimonio se pronuncien sobre os erros de tramitación da obra da rotonda de Galeras de cara a esixir a paralización definitiva desta actuación por non atender ao interese público na súa xustificación.
O BNG entende que se se analiza de xeito pormenorizado a tramitación deste convenio hai moitas irregularidades no ámbito urbanístico e patrimonial, de aí que a Xunta deba responder no Parlamento de Galiza sobre o posíbel cambio de uso estabelecido no plan xeral de ordenación municipal pertinente para a súa execución e sobre a súa afección nunha zona de protección da cidade como Patrimonio da Humanidade.
Deste xeito, o BNG mantén o seu apoio e compromiso coa plataforma de Galeras para esixir que a Xunta de Galiza se sume ás peticións da veciñanza e reclame a paralización definitiva destas obras.