O BNG pide por terceira vez no Parlamento que se investigue o accidente de Angrois
Francisco Jorquera defende unha Proposición non de lei para crear unha comisión de Investigación ante o veto do Partido popular a que se debatera en dúas ocasións
O portavoz do Grupo parlamentario do BNG, Francisco Jorquera defendera mañá en sesión plenaria, crear unha comisión de investigación sobre as causas do accidente de Angrois para determinar responsabilidades.
Esta será a terceira vez que o BNG reclama investigar o accidente ferroviario tras o veto do PP en dúas ocasións
Ante feitos descoñecidos na última vez que se debateu a posible creación desta comisión como: a alerta dun maquinista a RENFE do perigo de Angrois ante un accidente, que o freado na curva debe ser realizado de maneira brusca por carecer de sinal previa na vía xa que existe un sinal de velocidade descendente á altura do Qm 84,230 que de pouco vale de non ter reducido previamente a velocidade e que este aviso foi recibido por nove cargos de RENFE, o BNG considera que agora, máis que nunca é necesaria unha investigación rigorosa sobre o acontecido na curva de Angrois.
O Parlamento, afirma Jorquera non pode lavar as mans á hora de investigar as causas do maior accidente da nosa historia e se quere comprometerse co verdadeiro espírito de Angrois, debe investigar e contribuír a que haxa xustiza. O pobo galego ten dereito a coñecer a verdade.
O nacionalista considera que a mellor homenaxe ás vítimas, familiares, persoal de emerxencias, veciños e veciñas de Angrois así como a todas aquelas persoas que colaboraron na fatídica noite do 24 de xullo do 2013 para que a traxedia non fora maior, merecen, ao igual que o resto de Galiza, saber as causas e atopar os verdadeiros responsábeis do accidente ferroviario.
O BNG agarda, nesta ocasión, contar co apoio maioritario da Cámara para esclarecer o acontecido na curva de Angrois.