Ana Miranda: "Na defensa de Galiza comémoslles as papas aos do PP e deixámolos en evidencia"

Ana Miranda: "Na defensa de Galiza comémoslles as papas aos do PP e deixámolos en evidencia"

Xavier Vence defende un incremento dos investimentos en educación e emprego para que os fillos e fillas das familias humildes poidan acceder á universidade e non teñan que emigrar

actopresentacioneuropeas

Santiago de Compostela, 21 de Abril 2014.- A candidata do BNG ao Parlamento Europeo, Ana Miranda, defendeu hoxe o traballo do BNG en Europa a prol dos sectores produtivos e da xente do país, e, tirando de ironía, foi clara ao dicir que “o PP non quere que o Bloque estea no Parlamento Europeo porque na defensa de Galiza comémoslles as papas e deixámolos en evidencia”.

Nun acto na Alameda compostelá no que tamén participou o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, Miranda destacou que “os intereses galegos tiveron voz esta lexislatura en Bruxelas porque estaba o BNG” e dixo que “así pasa dende o ano 1999 cando o BNG conseguiu escano por primeira vez no Parlamento Europeo a través de Camilo Nogueira”, que pecha a candidatura nacionalista e que hoxe estivo presente tamén no acto.

Xavier Vence tamén insistiu en que “o BNG defende unha Galiza sen subordinacións e con voz propia en Europa” fronte “á indiferenza e o desprezo” que mantén o PP con respecto a Galiza no Parlamento Europeo. Neste sentido, dixo que o candidato do PP, Arias Cañete, é “a personalización de que o Goberno de Madrid non entende os problemas de Galiza en temas que se deciden en Bruxelas como a agricultura, a pesca ou o medio ambiente”.

A lista anticorrupción

Coa catedral de fondo e acompañada dos candidatos e candidatas compostelás da lista do BNG, Ana Miranda dixo que “a lista do BNG é a lista da honestidade, a lista anticorrupción”. “Nós non estamos imputados nin contaminados”, dixo en referencia á situación política do PP no Concello de Santiago.

A candidata nacionalista dixo que “a lista do BNG é a lista da rebeldía” e mostrouse confiada de repetir a representación que o Bloque mantivo en Bruxelas nesta lexislatura porque “os galegos e galegas saben que votando ao BNG estarán representados en Europa”. “Din que somos unha minoría pero somos maioría porque representamos ás clases populares”, afirmou.

O papel da Universidade

O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, referiuse aos recortes do PP nos fondos para educación e destacou o papel da Universidade como “nivelador social”. En relación ás dificultades dos mozos e mozas para o pago da matrícula na Universidade debido ao incremento das taxas, Vence defendeu que “hai que facilitar o acceso á universidade aos fillos e fillas das familias humildes” e por iso criticou ás políticas do PP neste eido, que “van na dirección equivocada”, insistiu.

Vence defendeu tamén a posta en marcha de políticas de emprego para a xente moza para que os mozos e mozas galegos poidan quedar a traballar en Galiza e non se vexan obrigados a marchar á emigración unha vez formados.

Camilo Nogueira

No acto tamén interviñeron os membros da candidatura como a moza Olaia Rodil, que defendeu o dereito das mulleres a decidir sobre o seu propio corpo fronte á reforma da lei do aborto do PP ou Xesús Domínguez, da plataforma de afectados polas preferentes, que afirmou que “foi o BNG o que nos permitiu chegar a Bruxelas a denunciar a fraude das preferentes”. Camilo Nogueira, primeiro eurodiputado do BNG e que vai pechando a lista, destacou a valía de Ana Miranda e a súa fonda experiencia nas institucións europeas.

Ana Miranda: "Na defensa de Galiza comémoslles as papas aos do PP e deixámolos en evidencia"