Ana Miranda defende cidades verdes e un rural vivo no Día Internacional da Nai Terra
A candidata nacionalista reivindica o apego á terra do BNG e di que hai dous modelos de Europa, o modelo especulativo e insostible do PP e o modelo de respecto da biodiversidade e do territorio do BNG
Santiago de Compostela, 22 de Abril 2014.- O Bloque Nacionalista Galego celebrou hoxe o Día Internacional da Nai Terra cun acto simbólico en Compostela onde a cabeza de lista do BNG ao Parlamento Europeo, Ana Miranda defendeu o respecto ao medio ambiente e ao territorio e criticou o desleixo do PP na protección da natureza.
Baixo o lema Cidades verdes, salvar o rural galego os nacionalistas reivindicaron o seu apego á terra fronte ao modelo económico especulativo e insostible do PP. Nós cando imos a Europa seguimos pensando en Galiza porque temos as raíces na terra, e imos a Bruxelas precisamente a defender os sectores produtivos da nosa terra; outros esquécense de onde son e responden só aos intereses dun modelo neoliberal europeo que marcan países como Alemaña, afirmou a candidata nacionalista.
No Dia Internacional da Nai Terra, instaurado pola ONU en 1971, o BNG quixo facer unha homenaxe á terra, facendo un acto simbólico de plantación de productos ecolóxicos nas Hortas de Belvis, un proxecto de recuperación de hortas urbanas promovido polo BNG dende o Goberno municipal de Santiago na pasada lexislatura. O entorno de Belvís, afirmou a cabeza de lista do BNG ao Parlamento Europeo, representa ese modelo natural e sustentable de cidades galegas do século XXI.
Ana Miranda, que estivo acompañada dos concelleiros do BNG en Santiago, Rubén Cela e Elvira Cienfuegos, fixo un chamamento á recuperación de espazos naturais nas cidades e no rural galego, á plantación de especies autóctonas no rural galego e ao coidado do entorno. "Un pais como Galiza que ten tantos núcleos rurais no territorio, baseado no modelo de asentamento dos lugares e parroquias, debe darlle máis importancia ao rural e á relación coa natureza e coa agricultura promovendo prácticas de cultivo e produción máis ecolóxicas e sustentables. Igualmente, lembrou que un país que ten tanta biodiversidade como o noso, debe protexer o seu territorio e chamou a atención sobre o desleixo que fai o Goberno do PP co territorio, incapaz de combater a contaminación que se dá por exemplo nas rías galegas.
A sociedade galega estivo sempre moi vinculada á terra, e o cambio de paradigma e desprazamento cara as cidades, modificou a relación co territorio. Hoxe en día, a metade da poboación galega vive nas cidades, máis tamén nas cidades, deben promoverse máis espazos verdes e tamén proxectos de hortas ecolóxicas como as de Compostela, postas en marcha polo BNG, loubou Ana Miranda. Precisamente a ONU adica este ano o Día Internacional da Terra ás cidades verdes.
Unha Europa neoliberal e insustentable
Ao igual que hai dous modelos en relación á natureza, tamén hai dous modelos de Europa totalmente contrapostos, dixo a cabeza de lista do BNG ao Parlamento Europeo. Está o modelo actual de Europa, que defende o PP, que é un modelo neoliberal e especulativo, que nos levou a esta crise económica e que non respecta a diversidade cultural de Europa; e logo está o outro modelo, o modelo do BNG, que defende unha Europa dos pobos e as nacións e un modelo económico sustentable baseado na economía produtiva, afirmou Ana Miranda.
A candidata do BNG lembrou que a relación coa Terra debe manter un equilibrio das necesidades económicas, sociais e medio ambientais das xeracións presentes e futuras, promovendo unha harmonía de relación coa natureza e a terra. O dereito a unha vida pura, sen contaminación é tamén obxectivo do programa do BNG ás eleccións europeas, pois o actual sistema depredador está rompendo o equilibrio e provocando moitos desastres que, unido a políticas erróneas, provoca que se estea a mudar a relación do home coa Terra.