Recuperarase o espazo onde se celebrou o Banquete de Conxo grazas a unha iniciativa do BNG
O Pleno votará a favor da moción do grupo nacionalista para acondicionar este emprazamento pola súa significación histórica
Santiago de Compostela, 23 de abril de 2014.- O concelleiro do BNG Rafael Vilar defenderá no Pleno de abril unha moción para a restauración do emprazamento onde se celebrou o Banquete de Conxo en 1856, un lugar simbólico que cómpre recuperar pola súa significación histórica no contexto de emerxencia dun movemento que daría pé ao galeguismo político. Na xunta de portavoces avanzouse que será aprobada por unanimidade esta iniciativa do BNG.
Na actualidade, este espazo está en situación de abandono e o BNG considera que para o seu acondicionamento cómpre poñer de acordo as administracións implicadas, pois unha parte deses terreos son do Sergas, da Xunta de Galiza, mais ten que ser o Concello de Santiago quen inicie o labor da restauración deste emprazamento.
Así, de acordo coa moción vaise proceder á recuperación da carballeira, á reposición do belvedere alí existente e á canalización dun colector para mellorar a calidade da auga do río, ademais do seu acondicionamento para facer deste lugar emblemático un espazo atractivo con sinalización para a súa visita e paneis explicativos para lembrar a historia do lugar.
Cómpre, ademais, o recoñecemento público deste enclave pola súa importancia histórica e simbólica para Santiago de Compostela e para Galiza, pois no Banquete de Conxo se fraguou un movemento político no que participaron Manuel Murguía, Aurelio Aguirre, Eduardo Pondal, Luís Rodríguez Seoane e mesmo se di que Rosalía de Castro, ademais de estudantes e de artesáns con tendencias democráticas e de compromiso co país.