O PP vota en contra de axudar o pequeno comercio coa fin das rendas antigas
Aprobouse a moción do BNG para acondicionar o espazo onde se celebrou o Banquete de Conxo
Representantes da Plataforma de Afectados/as polas Preferentes asistiron á sesión plenaria onde se debateu unha moción do BNG para esixir a recuperación dos seus aforros, que o PP non permitiu debater
Santiago de Compostela, 24 de abril de 2014.- O grupo municipal do BNG trasladou ao Pleno ordinario do mes de abril 12 iniciativas, entre as que destacan unha proposición, que foi rexeitada co voto en contra do PP, para axudar a manter os pequenos comercios e os estabelecementos emblemáticos da cidade coa fin das rendas antigas, e unha moción, que foi aprobada, para acondicionar o espazo onde se celebrou o Banquete de Conxo.
Ademais, o BNG defendeu un rogo para que os membros do Goberno local usen o idioma galego no desempeño do seu cargo; unha moción para pedir a rebaixa do IVE dos salóns de peiteado que contribúa a frear máis despedimentos; unha moción de apoio á Iniciativa Lexislativa Popular polo dereito a unha vivenda digna, alugueiro social, paralización dos desafiuzamentos e impulso dunha Lei galega de vivenda; outra moción para defender as persoas estafadas coas participacións preferentes e subordinadas e un rogo para a mellora integral da rúa Bermejo.
Ademais, o BNG preguntou polo informe que avala a viabilidade das árbores afectadas pola construción da cafetaría da alameda, toda vez que xa caeu un carballo; polos motivos de que o Centro Galego para Persoas con Discapacidade (CEGADI) permaneza pechado cando as obras están concluídas; para coñecer se está elaborada a liquidación de 2013 e cando ten previsto presentala o Goberno local, tendo en conta que o prazo rematou en marzo; polos motivos da paralización das obras da rúa Raxoi e para saber se está recepcionada a obra do centro sociocultural de Brandía, tendo en conta as deficiencias que presenta o resultado desa actuación.