O PP non ten reparo en recortar dereitos laborais ao tempo que duplica postos designados
Esta sentenza é un golpe moi duro a un Goberno municipal á deriva, mais tamén para o PP dende a Xunta de Galiza que foi quen autorizou a creación desas prazas
Santiago de Compostela, 2 de maio de 2014.- O portavoz do grupo municipal do nacionalista, Rubén Cela, valorou en rolda de prensa a sentenza do TSXG que anula a creación das novas prazas habilitados estatais de secretario, interventor e tesoureiro -aínda que esta última non se chegou a cubrir-, que ratifica o cuestionado polo BNG e as centrais sindicais en reiteradas ocasións no Pleno municipal.
A creación destas novas prazas de alta dirección é unha decisión política, partidista e sectaria, afirmou Rubén Cela. A sentenza recoñece que non estaba xustificada a creación das prazas de interventor e de secretario nin por volume de traballo nin por falta de profesionalidade nin produtividade dos profesionais que exercían estas funcións nos anos anteriores.
Esta decisión tomouse de xeito simultáneo á aplicación de serios recortes para o resto do cadro de persoal, indicou, o PP non tiña reparo en recortar dereitos laborais e condicións salariais do cadro de persoal ao tempo que non tiña problema en incrementar o gastar en cargos de libre disposición de confianza política. Ademais, deixaron o anterior secretario e interventora sen asignación de traballo concreto e, por ese motivo, a interventora interpuxo unha denuncia por mobbing por non ter carga de traballo, a pesar de solicitalo por escrito e de que ese posto supón preto de 70.000 euros para unha responsabilidade á que non se lle atribúe ningunha función.
Isto reflexa o xeito de gobernar do PP en Santiago de Compostela dende hai tres anos e constitúe unha mostra máis deste goberno fallido, autoritario que abusa da súa maioría absoluta, carente de todo rigor e que en moitas ocasións actúa de xeito contrario ao dereito, con prácticas que acaba pagando a veciñanza.
Emprazou así ao PP a dar explicacións sobre a creación desas prazas a teor da información que transcendeu do sumario da operación Pokemon. Non é casual que o único informe que avala esta decisión de contratar este persoal está asinado por un director xeral do PP, indicou.
O TSXG deulle unha labazada a este Goberno municipal e tamén terá que dar explicacións a Xunta de Galiza, que foi quen autorizou a creación destas prazas e no marco do sumario da operación Pokemon se deixan entrever os motivos destes nomeamentos, advertiu. Esta sentenza é un golpe moi duro a un Goberno municipal á deriva, mais tamén para o PP dende a Xunta de Galiza , engadiu. Este cambio debeuse a un motivo partidista, para tratar de ter habilitados estatais máis permeables ás políticas do PP, concluíu o portavoz municipal nacionalista.