Ana Miranda reclama un IVE cultural superreducido europeo para apoiar a industria cultural galega
A candidata nacionalista visitou a Feira do Libro de Santiago
Santiago de Compostela, 2 de maio 2014.- A cabeza de lista do BNG ao Parlamento Europeo, Ana Miranda, anunciou hoxe que levará ao Parlamento europeo unha iniciativa para crear un IVE superreducido para a cultura a nivel europeo que se aplique en todos os Estados membros e que derogue a puñada que o Goberno español deu ao sector das industrias culturais coa aplicación do IVE do 21%.
Durante unha visita á Feira do Libro de Santiago, a candidata nacionalista defendeu medidas fiscais coma esta para a cultura porque a cultura non é un luxo, é unha necesidade para calquera sociedade e máis para un pobo con cultura propia como é o noso e debe estar ao alcance de toda a poboación, dixo.
Ana Miranda avogou por menos investimento na Cidade da Cultura e máis medidas de apoio para a creación e as industrias culturais, que crean riqueza e emprego no noso país, afirmou. A falta de apoio por parte da Xunta e as medidas en contra do sector do Goberno do Estado están levando á precariedade e á emigración a moitos artistas e creadores galegos que tamén se están vendo obrigados a emigrar, como moitos outros mozos e mozas, denunciou. Nós queremos exportar a nosa cultura a Europa, pero non aos mozos e mozas que se ven obrigados a emigrar, recalcou.
Esta asfixia económica por parte da Xunta queda claramente exemplificada no mundo do libro, onde a Xunta recortou un 65% os fondos en bibliotecas, pechando en Galiza 45 bibliotecas públicas, mentras a Cidade da Cultura consume 27.000 euros de fondos públicos cada día.
O galego en Europa
Ana Miranda tamén pedirá na UE que recoñeza a lingua galega como oficial para o seu uso no Parlamento, aínda que o BNG ven usando con normalidade a grafía galego-portuguesa nas súas intervención na Cámara dende o ano 1999. A nosa lingua é unha lingua europea e así debe ser recoñecida, en igualdade de condicións ao resto das linguas da UE, dixo.