O PP rexeita debater a moción do BNG para dispensar os fármacos contra a hepatite C
Outra das iniciativas presentadas pola formación nacionalista, tamén desbotada polo PP, ía destinada á creación do Consellos de Saúde para contribuír a atallar a actual situación de deterioro da sanidade pública
Santiago de Compostela, 31 de xaneiro de 2015.- O grupo municipal do BNG trasladou ao Pleno de xaneiro dúas mocións sobre sanidade, unha para dispensar os medicamentos da hepatite C e outra para a creación dos Consellos de Saúde. Ningunha tivo o voto favorábel do PP, que non permitiu o seu debate, o que provocou a reacción de membros da Plataforma de afectados/as pola hepatite C presentes no salón plenario, que lle manifestaron ao alcalde que resultaba incomprensíbel que non considerase de urxencia este punto.
Así, o Goberno de Agustín Hernández rexeitou requirir da Xunta que a terapia cos novos fármacos para a hepatite C se dispense nas farmacias hospitalarias a aqueles doentes a quen lle for prescrita por persoal médico especialista do Servizo Galego de Saúde. O BNG reclamou tamén que se garanta o acceso ás novas terapias para as persoas doentes de Hepatite C que o precisaren de acordo co criterio de especialistas, que deben dispor de todos os recursos necesarios para a atención dos casos definidos como de tratamento urxente pola Asociación Estatal para o Estudo do Fígado.
Tamén no ámbito sanitario, o BNG defendeu a constitución e convocatoria dos Consellos de Saúde de área de Compostela para cumprir coa participación social e territorial da cidadanía, como recolle a Lei de Saúde de Galiza, para que se escoiten as alternativas e achegas da cidadanía para mellorar este servizo público esencial.
Lamentabelmente, a partir da entrada en vigor desta Lei de Saúde, a Xunta de Galiza negouse a convocar os Consellos de Saúde, o que provocou o seu esmorecemento e, nalgúns casos, a súa desaparición.
Para o BNG, a actual situación de deterioro da sanidade pública obriga á revitalización dos Consellos de Saúde de área para facer posíbel a participación social que obrigue a Administración sanitaria e o Goberno da Xunta de Galiza a escoitar as alternativas e suxestións da cidadanía galega para mellorar este servizo público esencial para os galegos e as galegas.