Rafael Vilar insta a retirar a instrución do PP para que os partidos usen os centros socioculturais
Esta decisión inxusta e arbitraria denota unha concepción bastante estreita da democracia
Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2014.- O concelleiro do BNG Rafael Vilar demandará no vindeiro Pleno que se inclúa no Regulamento de Centros Socioculturais a facultade de uso destes espazos públicos por formacións políticas, co obxectivo de que se garanta o seu dereito de reunión mesmo fóra do período electoral, ante unha instrución aprobada pola Xunta de Goberno que o vai prohibir. Imos ser insubmisos esta decisión sectaria que quere limitar a acción da oposición política.
Segundo explicou Rafael Vilar, o concelleiro Francisco Noia levou á Xunta de Goberno unha instrución para limitar o uso dos centros socioculturais ás forzas políticas e circunscribilas só ao período electoral, durante os 15 días de campaña.
Para o BNG, é compatíbel o uso que poidan facer as forzas políticas dos centros socioculturais coas outras actividades que se organizan neses espazos e como BNG sempre fixemos un uso responsábel desas salas, nunca se utilizaron de xeito partidario, senón para actos abertos á veciñanza onde explicar e recoller propostas e para manter interlocución directa coa xente.
O concelleiro cualificou esta decisión de inxusta e arbitraria e indicou que denota unha concepción bastante estreita da democracia. Recordou que a Constitución en vigor recoñece que os partidos son instrumentos fundamentais para a participación política da cidadanía e a Lei de Partidos tamén proclama que os partidos exercerán libremente as súas actividades. Aquí se coarta ou, cando menos, se limita este dereito, afirmou, e por este motivo o BNG vai presentar unha iniciativa no Pleno para que o Goberno municipal do PP dea marcha atrás nesta decisión.
No caso particular do BNG, explicou, entorpece e sabota a acción política no exterior, facemos moita actividade política fóra e necesitamos deses locais que nos permitan ese contacto social coa veciñanza. Lembrou tamén que nas eleccións de 2011, houbo oito candidaturas das que só tres obtiveron representación e nos últimos anos apareceron novas forzas políticas que tamén deben ter o dereito de actuar nesta cidade e de poder dirixirse á veciñanza e usar eses espazos públicos municipais que son de todos e de todas.
Referiuse tamén ao agravio comparativo que supón que o Goberno municipal use eses centros socioculturais e puxo como exemplo que antonte, a concelleira Reyes Leis reuniuse no centro sociocultural da Trisca para lles explicar unha proposta aos veciños e veciñas.
Como poden os membros do PP de Santiago utilizar os centros socioculturais para se reunir coa veciñanza e non poden as demais forzas políticas para o mesmo, mesmo tendo representación neste Concello, indicou. En contraposición, esta instrución imposibilita parte do traballo do BNG como oposición política e doutras forzas que non van poder ter acceso aos centros socioculturais.