A ex-tenente de alcalde non tivo ningunha relación, ningún contrato e ningún contacto con Vendex
No BNG estamos absolutamente convencidos de que fixo un traballo impecábel e que nunca participou nin participaría en ningún trato de favor a empresas nin a persoas como demostrou durante o exercicio do seu cargo
Santiago de Compostela, 14 de febreiro de 2014.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, asegurou que durante todo o período en que Socorro García exerceu responsabilidades como concelleira en Santiago non tivo ningunha relación, ningún contrato e ningún contacto coa empresa Vendex nin cos seus representantes.
Sobre unha información do sumario da Pokemon, Rubén Cela explicou que ademais dunha confusión na recepción dun agasallo nas datas do nacemento do seu segundo fillo, é certo que o correcto tería sido devolvelo como ela mesma recoñece. Porén, non é xusto nin correcto comparar isto con toda a cloaca na que o PP converteu este Concello de Santiago, engadiu.
Poño a man no lume por Socorro García Conde, afirmou, porque no BNG estamos absolutamente convencidos de que fixo un traballo impecábel e que nunca participou nin participaría en ningún trato de favor a empresas nin a persoas como demostrou durante o exercicio do seu cargo.
Quen a coñece, dixo, sabe que é unha persoa honesta, honrada e especialmente rigorosa que non se limita a cumprir escrupulosamente a lei senón que o fai cunha ética política incuestionábel.