A querela do PP contra o portavoz municipal non vai intimidar o labor de oposición do BNG
Non imos calar nin no tema de Galeras nin dos de suposta corrupción por moitas querelas que poña o PP
Santiago de Compostela, 14 de febreiro de 2014.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, indicou que a decisión da concelleira María Pardo de interpor un proceso de conciliación previo a unha querela supostamente por calumnias non vai intimidar nin diminuír o labor de oposición que realiza a formación nacionalista no pazo de Raxoi.
Por desgraza, por culpa do PP, a vida municipal de Santiago xa esta xudicializada até uns estremos insoportábeis, indicou. Se a concelleira María Pardo quere aumentalo e trasladar ao xulgado o debate político está no seu dereito pero dende o punto de vista do BNG é unha actitude moi pouco responsábel.
Se o obxectivo desta querela é de intimidar ou de intentar que o Bloque Nacionalista Galego non faga unha política de oposición incisiva como estamos a facer, non lle vai servir para nada porque non imos calar nin no tema de Galeras nin dos de suposta corrupción por moitas querelas que poña, sinalou.
Rubén Cela reafirmouse, unha por unha, en todas as palabras que dixo xa que non tiñan afán de calumniar a ninguén senón de describir a práctica política do PP neste Concello e, por desgraza, a cada capítulo que se coñece da operación Pokemon, máis nos reafirmamos nelas.
O BNG trasladoulle a María Pardo unha copia da comparecencia de prensa para que fose consciente do que verdadeiramente se dixo e por se a quixera utilizar como proba en caso de denuncia, que será o que usemos nós tamén. A frase concreta que motivou este acto de conciliación previo á querela é a seguinte: criminalizar o discrepante, criminalizar a diferenza, dende logo, é unha das actitudes e unha das características clásicas do fascismo.