Rubén Cela: En democracia ninguén debería sufrir esta represión por defender dereitos fundamentais"
Ducias de persoas concentráronse no Xulgado en solidariedade con Renato Nunes e Manuel Dacal, denunciados por protestaren na investidura de edís non electos do Goberno local de Santiago de Compostela
Santiago de Compostela, 22 de xaneiro de 2015.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, sinalou ao inicio do xuízo oral a Renato Nunes (CIG) e Manuel Dacal (Federación Rural Galega) que nunha democracia, merecente de tal nome, ninguén debería sufrir este tipo de represión, nin de sanción por defender estes dereitos fundamentais, como son a liberdade de expresión, o dereito de reunión e de manifestación. O xuízo quedou visto para sentenza, o vindeiro 29 de xaneiro.
Por desgraza, engadiu, en Santiago de Compostela e noutros lugares do país, temos moitos compañeiros e compañeiras con causas xudiciais abertas por defender a liberdade de expresión, o dereito de reunión e de manifestación.
Naquela concentración pacífica, organizada en coincidencia co acto de investidura de concelleiros non electos do PP, que integran o Goberno de Agustín Hernández sen contar co aval democrático do paso polas urnas, foron detidos Renato Nunes e Manuel Dacal como participantes nun acto simbólico que uniu centos de persoas de diversos colectivos da cidade.