Concentración de apoio ás persoas denunciadas por protestaren contra os edís non electos do PP
Membros do BNG solidarízanse este xoves ás 11:15 nos Xulgados de Santiago
Santiago de Compostela, 21 de xaneiro de 2015.- Renato Nunes e Manuel Dacal van prestar declaración este xoves ás 11:15 nos Xulgados de Santiago de Compostela por mor da súa detención na protesta contra a toma de posesión do equipo de concelleiros e concelleiras non electos do PP, que o BNG considera ilexítimo ao non contar co aval de pasar polas urnas, preceptivo en democracia para exercer labores de Goberno.
O BNG participara neste acto en sinal de reprobación á designación de edís que non contan co aval das urnas para formaren parte do Goberno municipal, ao considerar unha anormalidade democrática que o PP se valese en Santiago de Compostela dun subterfuxio legal creado para a loita contra o terrorismo nun contexto de ilegalización de partidos políticos en Euskadi.
O feito de escoller este equipo de maioría de concelleiros e concelleiras non electos para exercer labores de Goberno derivou nunha crise de lexitimidade en termos democráticos no grupo municipal popular que actualmente dirixe Agustín Hernández, o terceiro alcalde do PP neste mandato municipal.
Naquela concentración pacífica que uniu centos de persoas de diversos colectivos da cidade que expresaron a súa repulsa por unha toma de posesión que consideran antidemocrática, producíronse dúas detencións, a de Renato Nunes (CIG) e de Manuel Dacal (Federación Rural Galega), nunha actuación policial que o Bloque Nacionalista Galego considerou desproporcionada e desafortunada. Así, este xoves deberán comparecer no xuízo oral acusados por resistencia e grave desobediencia á autoridade.
Cómpre lembrar que nesa concentración, ademais do BNG, estaban colectivos cidadás contra a corrupción, preferentes, plataforma de Galeras, Stop-desfiuzamentos e outras formacións que asistiron á praza do Obradoiro canda a toma de posesión deste grupo municipal do PP.