PLENO

O BNG propón que o Concello asine un convenio con Monicreques de Kukas para a cesión e exposición do legado desta compañía histórica

monicreques
monicreques

Dispón dun patrimonio material fundamental da cultura galega

O BNG propón que o Concello asine un convenio con Monicreques de Kukas para a cesión e exposición do legado desta compañía histórica

Santiago de Compostela, 16 de xaneiro de 2017.- O grupo municipal do BNG rexistrou unha moción para que o Concello asine un convenio de colaboración con Monicreques de Kukas para a cesión, musealización, exposición e difusión do legado desta compañía histórica de teatro co fin de enriquecer a oferta cultural de Santiago de Compostela.

Monicreques de Kukas,  primeira e máis antiga compañía de teatro contemporáneo con marionetas de Galiza, naceu en Compostela no ano 1979 e dispón dun patrimonio material fundamental da cultura galega.

Dispón de monicreques, máscaras, cabezudos, xigantes, atrezzos, escenografías, manuscritos de obras teatrais, deseños orixinais de marionetas, escenografías e figurinos, carteis orixinais, fotografías, vídeos dos espectáculos e máis de 30 instalacións de escenas completas de obras teatrais. Representan un legado que cómpre dar a coñecer, tanto para público especializado como para os propios habitantes da cidade, crianzas e visitantes a Compostela. De expoñerse, será un atractivo máis para a diversificación da oferta turística e cultural.

O teatro de Kukas é unha forma de expresión social que vai máis alá da arte ou do entretemento. Os seus textos e representacións reflicten formas de pensamento, épocas e vivencias sociais que funcionan como o retrato dun pobo, ademais de constituíren un instrumento educativo que durante décadas convidou á reflexión e ao pensamento crítico propio da dramaturxia.

Santiago de Compostela goza tamén do carácter universal do teatro con esta compañía de monicreques, que introduce nos seus espectáculos técnicas clásicas e modernas, grazas a un esforzo realizado durante décadas para a creación de público e para a democratización cultural. A isto hai que engadir o seu compromiso a favor da normalización do idioma galego, da creatividade artística e da cultura propia.