Agustín Hernández só investiu o 2 de cada 10 euros previstos en obras básicas
Os remanentes de tesourería positivos de 2014 son en base a unha mesquiña xestión de recortes en gastos sociais e servizos básicos
Santiago de Compostela, 1 de abril de 2015.- O portavoz do grupo municipal do BNG de Santiago, Rubén Cela, afirmou que a liquidación do Orzamento 2014 revela o baixísimo nivel de execución do capítulo de investimentos, dos 30 millóns de euros dispoñíbeis, só se executaron 6,7 millóns de euros, que representan un 21% do total.
Segundo expuxo con datos gráficos Rubén Cela durante a rolda de prensa, ningún ano deste mandato se chegou a unha execución do 30% do capítulo de investimentos, o que resulta moi significativo da falta de capacidade práctica de xestión do PP. Sería grave en calquera contexto, pero moito máis no actual, en primeiro lugar, porque son investimentos que sempre levan asociados a creación de postos de traballo e, en segundo lugar, polo nivel de deterioro en que se atopan as nosas rúas e beirarrúas e equipamentos municipais, afirmou. Santiago nunca estivo tal mal nese aspecto, e non é responsábel que de cada 100 euros que tivo o PP á súa disposición en 2014 para arranxar rúas, por exemplo, só fose capaz de executar 21, quedando os case 80 restantes sen empregar, engadiu.
Porén, o nivel de execución non foi igual para todos os capítulos, entre as prioridades reais do PP en 2014 están as atencións protocolarias (cun nivel de gasto dun 126%, até chegar aos 117.250 euros) e a publicidade e propaganda (dun 113%, con 610.000 euros). É dicir, gastaron en 2014 máis en propaganda que no orzado para este ano 2015 para a renda social, advertiu o portavoz municipal nacionalista.
En canto aos remanentes de tesourería, indicou que son a culminación dunha xestión económicofinanciera errática, de marcha adiante e atrás no endebedamento municipal sen que fose destinado a investimentos reais, cun plan de axuste que pola súa desproporción deu lugar a superávit desproporcionado de 17,6 millóns de euros en 2012, con remanentes de tesourería positivos sostidos sobre a base dunha mesquiña xestión dos gastos sociais e servizos básicos ao tempo dun nivel de investimentos extraordinariamente escaso. Este superávit orzamentario só se mantén sobre a base de non xestión e non execución do gasto orzamentario, xa que os ingresos son cada vez máis baixos, indicou.
Por iso, a repetición dun novo remanente de Tesourería é impropia dunha situación de crise económica, non é lóxico que non se atendan as demandas da veciñanza en base á falsa austeridade e por falta de cartos e logo se alardee de superávit, sinalou. Por iso, esta liquidación vén corroborar o que grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego cualificou de orzamentos de maquillaxe contábel e que non estaban á altura do que Santiago precisaba en aspectos especialmente urxentes como investimentos produtivos, creación de emprego e fomento da actividade económica.